A Denominación de Orixe Monterrei celebra a súa feira

Tres días de exaltación do viño entre o 8 e 10 de agosto.

A Feira do Viño de Monterrei faise maior e cumpre 18 anos. Sos 18 edicións na que o obxectivo é exaltar o produto máis coñecido da comarca. Por iso, desde o 8 e ata o 10 de agosto a Alameda de Verín acolle a edición deste ano na que ademais de reunir a 19 das 29 adegas da Denominación de Orixe Monterrei contará con stands gastronómicos, música e xogos para os máis cativos.
Ladairo, Gargalo, Adega Valderello, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay, Adega Tapias Mariñán, 3 Mentiras, Vía Arxéntea, Abeledos, Setembro, Bodega Franco Basalo, Adegas Daniel Fernández, Adega Trasdovento, Quinta Soutullo, Manuel Vázquez Losada, Serra de Alén e Ramón Bigotes son as 19 adegas presentes nesta feira. Pola súa banda, con respecto aos postos de gastronomía haberá un máis que na pasada edición, estarán presentes Panadería Roscas, Cárnicas de Feces, Jamones Don Francisco, Queixeria Gaia, Matilde Waffles e Gelados, Alacena-Puebla de Sanabria, Cien por Cel, Conservas Regiomare, Xavier dos Leitões e Casa do Pulpo.
O recinto feiral estará aberto o venres 8 de 20:00 a 24:00 h. (venda anticipada a partir das 19:00 horas); o sábado 9, de 12:30 a 14:30 h, e de 19:30 a 01:00 h; e o domingo 10, de 12:30 a 14:30 h, e de 19:30 a 24:00 h. Nesta edición, os prezos volverán ser dunha degustación por dous euros e unha copa personalizada da DO por dous euros.
Como novidade este ano inclúese o sistema de pago cashless que permitirá ao público realizar o pago das degustacións e das copas a través dunha pulseira que se facilitará nos stands da denominación de orixe e que se poderá recargar nos propios stands nos que se facilitarán as mesmas.

Axenda
O acto inaugural Feira do Viño de Monterrei realizarase o venres 8, a partir das 20:00 horas, na praza García Barbón (a directora, guionista e actriz Mariana Carballal será a pregoeira). Previamente a dita inauguración, na Igrexa Parroquial de Verín, ás 18:30 horas, terá lugar o acto de imposición de medallas da Cofraría dos Viños de Monterrei, que volve realizarse en conxunto coa celebración da feira.
Mentres, para a cativada están previstos para o sábado 9 e o domingo 10 de agosto xogos infantís populares (en horario de 20:00 a 22:00 horas); para o público adulto realizaranse interesantes catas e showcookings na praza da Alameda. O sábado 9 de agosto, ás 13:00 horas, Juanjo Figueroa, presidente de la Asociación Galega de Sumilleres (AGASU), realizará unha cata especial baixo o titulo “Monterrei, sorbos de historia e tendencia». Máis tarde, ás 20:00 horas, organízase a actividade “Come, bebe e aprende do mellor xeito”, coa participación de Begoña Vázquez (Premio mellor cociñeiro Galego 2024), Miguel López (Director técnico do C.R.D.O. Monterrei) e José Manuel Salgado (profesor do CMUS Verín). O domingo 10 de agosto de 2025, ás 13:00 horas na praza da Alameda, Juliana Picarelli (Sumiller do Restaurante Maruja Limón 1 estrella Michelin e 2 soles Repsol), ofrecerá unha cata maridada con produtos de “Experiencias de Calidade de Galicia” presentada como “Monterrei: Frescura Atlántica, Carácter Continental”. Todos estes eventos teñen un prezo de 10 euros e prazas limitadas con inscrición previa (info@domonterrei.com).
A música chegará con tres concertos na praza García Barbón: o venres, ás 24:00 horas, Guadi Galego; o sábado 9, 24:00 horas, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre; e o domingo 10, será Mondra, ás 23:00 horas, quen peche a programación musical.

Outras novas
Noutro orde de cousas, a DO Monterrei firma sendos convenios co Concello de Verín e Protección Civil; no primeiro é para a organización da feira, mentres que no segundo, ademais de coordinar a seguridade do evento, tamén formarase en primeiros auxilios a adegueiro e membros do consello regulador.
Dentro das accións promicionais do consello regulador, a DO organizou unha visita dunha delegación de prescriptores madrileños. Participaron en tres túneles de viño (‘Variedades’, ‘Añadas eméritas’ y ‘Valles’). Ademais, presentouse a denominación na sede da entidad e visitouse o lagar rupestre Xan Preto. Tamén coñeceron catro adegas (Fragas do Lecer, Terras do Cigarrón, Gargalo e Triay), onde descobreron os seus viñedos, instalacións e viños.