Allariz celebra o Mercado de Artesanía “Arte de Man”

Este domingo, 7 de setembro.

O próximo 7 de setembro, Allariz acollerá unha nova edición do Mercado de Artesanía “Arte de Man”, unha cita consolidada que reunirá a artesás e artesáns de referencia de Allariz e de toda Galicia. O encontro desenvolverase na Zona de Santo Estevo, en horario de 11:00 a 20:00 horas, convertendo o centro histórico nun escaparate da creatividade e do traballo feito a man.

A feira contará coa presenza dunha ampla variedade de participantes que amosan a diversidade e calidade da artesanía galega: Mamá Sara (A Marinhenta), Marta Cui (cerámica artesanal), Xogo de Fíos, Enxógate, Imprime 3D, Estudo Aldea, Olería do Batán, Mor Talla, Magari Clay, Museo do Coiro, A.N.D.R.E.A., Moi de Flores, Luis Pachón, Artesanía Nómada, Paulinha D´Arzoa, Coco y Lobo, Paselopase, Merino Coqueta e Rosa Ana Soto.

Actividades paralelas
O mercado, ademais da exposición e venda de pezas únicas, ofrecerá actividades abertas ao público:
• 12:00 h – Obradoiro de creación con flores secas a cargo de Moi de Flores. Actividade gratuíta e aberta a todos os públicos a partir de 6 anos, con prazas limitadas por orde de chegada.
• 17:00 h a 19:00 h – Animación musical con Pirata Sen Parche, que encherá de ritmo e ambiente festivo a xornada.

A alcaldesa de Allariz Cristina Cid e a concelleira de Promoción Económica, María López, destacaron na presentación do evento a importancia de poñer en valor a artesanía local e galega como parte esencial do patrimonio cultural e económico de Allariz, convidando á veciñanza e visitantes a participar e apoiar o talento creativo da vila e de Galicia.
“Arte de Man” constitúe unha oportunidade única para descubrir produtos singulares, apoiar o comercio local e gozar dunha xornada de convivencia arredor da arte, a música e a tradición artesanal.