Celébranse do 5 ao 9 de setembro.
O Concello de Ribadavia celebra unha das citas máis esperadas pola veciñanza, as Festas do Portal na honra da patroa da comarca do Ribeiro, a Virxe do Portal. Este 2025, a programación inclúe máis de 30 actividades dirixidas a todas as idades, tal e como destacou o alcalde, César Fernández, na presentación. “Están pensadas para todos os públicos, para que todos e todas poidan desfrutar”. Nesa liña, a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, convidou a toda a poboación, do Ribeiro e do resto da provincia, a achegarse a Ribadavia. “Desde os máis cativos ata os máis maiores, todos poden divertirse coa diversidade de actividades e actuacións que temos”.
Os festexos comezan o venres 5 de setembro e rematan o martes 9, o día da Virxe do Portal. Como xa é habitual, ás citas tradicionais, como o pasarrúas con Don Pedro e Doña Ana ou a confección da alfombra floral polas Mulleres Rurais de Ribadavia, únense outras actividades paralelas como o Festival Arteficial e numerosas citas musicais. “O venres desfrutaremos do concerto da lexendaria banda Burning”, apuntou Yolanda Gómez. César Fernández aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo realizado pola concelleira de Cultura e polos técnicos e técnicas, que logran que Ribadavia “sexa un referente cultural” da provincia.
O sábado, a xornada comeza coa IX Quedada de Motos Clásicas, que percorrerá diversos puntos da comarca. A mediodía, levarase a cabo o desfile de Don Pedro e Doña Ana, cos cabezudos e cabezudiños, que pasearán polas rúas da vila acompañados do grupo de gaitas Airiños de Arnoia. “O Festival Artificial, organizado por unha asociación de mozos e mozas de Ribadavia, celebrarase o sábado, cunha ampla programación de concertos e actuacións, mercado das sementes e obradoiros”, detallou a concelleira de Cultura. Pola noite tamén haberá verbena coa Orquestra Royal Espectáculo.
Xa o domingo, como é habitual, os xigantes e cabezudos visitarán aos maiores da residencia Nosa Señora dos Anxos. Pola tarde, as Mulleres Rurais de Ribadavia realizarán a confección da alfombra floral na honra da Virxe do Portal. “Cada ano, encárgase un concello distinto de facer a ofrenda á Virxe, e este ano é a quenda de Beade”, explicou César Fernández. Os máis pequenos poderán desfrutar do espectáculo de Pakolas, “A Ramona pequena vai á Lúa”, e os amantes da música tradicional poderán bailar co grupo Os Coribantes. A orquestra Ritmo Joven encargarase da verbena.
O luns haberá procesión, acompañada pola Banda A Lira de Ribadavia, e posterior misa solemne. “Pola tarde, a Banda A Lira dará un concerto, e a verbena correrá a cargo do grupo Gin Toni’s”, apuntou a edila. A gran tirada de fogos de artificio porá o broche de ouro da xornada. “O martes, día da nosa patroa, teremos a misa e posterior recollida da Virxe pola Banda de Guerra Brilat Galicia VII”, engadiu.