Este 13 de setembro chega a sétima edición.
O vindeiro 13 de setembro, a praza do Matadoiro en Allariz converterase de novo no escenario da 7ª Feira dos Produtos Apícolas, organizada pola Asociación Galega de Apicultura (AGA) e o Concello de Allariz. A feira desenvolverase entre as 10:00 e as 20:00 horas, cun programa que combina tradición, divulgación e actividades para toda a familia.
Durante a xornada, unha ducia de postos achegarán ao público a diversidade dos produtos da colmea: meles de diferentes variedades, pole, própole, cosmética apícola e elaboracións innovadoras ou derivados coma candeas. Ademais de ser un espazo de venda, a feira pretende ofrecer unha experiencia educativa e de concienciación arredor da apicultura e da súa importancia para a biodiversidade.
Programa de actividades
• 11:30h – Obradoiro sobre apicultura e biodiversidade con As Curuxas. Unha actividade didáctica para público infantil e familiar.
• 12:30h – Degustación de produtos da Reserva da Biosfera maridados con mel, da man de Moixo-Cociña, que mostrará como o mel potencia e harmoniza sabores da gastronomía local.
• 18:30h – Espectáculo familiar “Miña terra, meu lar”, a cargo de A Trastenda dos Contos con Caxoto, que mestura narración oral, humor e Concienciación ambiental.
Ao final da feira haberá sorteo de varias cestas para todos aqueles que mercaron ao longo do día.
A Feira dos Produtos Apícolas non só pon en valor o traballo dos apicultores e a calidade dos seus produtos, senón que tamén subliña o papel fundamental da apicultura na conservación do medio ambiente e na economía local.
Na presentación do evento estiveron presentes Raúl Vasalo, membro de AGA; Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente; e María López, concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo, quenes salientaron a importancia de consolidar a feira como unha cita de referencia no calendario cultural e gastronómico de Allariz.
A organización agarda unha ampla participación veciñal e visitante, para que esta VII edición siga fortalecendo o vínculo entre apicultura, territorio e comunidade e recordan que “nun contexto no que os lumes arrasan milleiros de hectáreas en Galicia, a protección das abellas e das colmeas cobra máis relevancia ca nunca, non só como garantes da biodiversidade, senón tamén como aliadas imprescindibles para a recuperación dos ecosistemas e a seguridade alimentaria, razón pola que a AGA e o Concellod e Allariz fan un chamamento á sociedade a apoiar e coidar a apicultura galega”.





