Tristura de Andrómena

As Andrómenas e outros contos

Paréceme que os corvos, animais de intelixencia superior, non están voando baixo para non rematar de asustar ao cidadán de a pé. Como dicía Max Aub, no comezo do seu Manuscrito Cuervo: Son un corvo perfectamente serio. Teño en moito dicir as cousas como son e non como desexaría que fosen, achaque de tantos e mal para todos. Ao corvo, corvo, e á pega, pega.
Ou, como tamén lembraba Marcinda Caneiro: O mundo está cheo de curiosos que nunca viron nada, e de cegos que o viron todo.
Queridos amigos, esta observación do corvo lembra que, ás veces, a mirada máis sinxela pode revelar as verdades máis crueis sobre a nosa pobreza de espírito.

Paréceme, a min, corvo anodino, que camiñamos en España cara un conflito social no que os actores políticos, elixidos para gobernar con xustiza e solidariedade, parecen máis interesados en sementar extremismos que en tender pontes; paréceme que a confrontación e a descalificación se converteron en moeda corrente, e que a procura de réditos persoais eclipsa a mirada común.
Dende a miña pola no ameneiro do Asneiro, ollando cara o mundo, observo, sen alento e sen esperanza, e paréceme que o diálogo esvaese e o entendemento fuxe nun eco perdido entre croas do canto dos sapos, da codicia e do orgullo.
Vexo correr as escumas na corrente e sinto a dor no peito, a ameaza de tempos escuros nos que non fomos capaces de entendernos e acabamos matándonos entre irmáns; tempos nos que os corvos franceses, aqueles de Vernet d’Ariège, tentaron comprender aos homes sen atinar nada.

E paréceme… que non haberá partidos moderados que poñan en valor o obxectivo común e eviten males maiores?
Ao corvo do Asneiro tamén lle parece que precisamos dunha Rexeneración Moral de verdade, e que todos —corvos, sapos e homes— estamos chamados a loitar para conquerila.
Aínda que, claro, o palmeiro que vai detrás buscando a comida do pesebre, cuxo único bagaxe é buscar o enchufe, debería ser tratado co mesmo rigor que o político corrupto que o coloca para os seus propios fins.
No fondo, son o mesmo tipo de persoa, colocada en lugares diferentes; se non cambiamos a forma de pensar, isto non se pode solucionar. O que non vexo aceptable para os demais, de ningunha maneira pode ser aceptable para min.
Debemos permanecer firmes nos valores de xustiza, honestidade e rectitude: a verdadeira revolución consiste nunha rexeneración moral, ao corvo corvo e a pega pega.

Paréceme que os grandes partidos, con moita representación, discuten de “e ti máis”, mentres a auga corre cara o muíño dos que buscan a desestabilización social. E os corvos poñémoslle cara a tronada, que nos azouta e non trememos, pero non podemos parar o vento dos que se empeñan en conducir o barco contra as rochas.

Pareceme que podemos cavilar todos para onde imos, analizar o que está pasando, repasar a Historia, o que xa pasou, e “tirar ensino” como dicías tí, papá. Iso todo, paréceme a min, pero eu son un corviño case analfabeto que nunca saíu do Asneiro, e quizais estea trabucado en todo, non si?

Avelino Jácome