A central multicanle é unha ferramenta que ofrece atención telefónica gratuíta, seguimento personalizado e puntos presenciais en toda Galicia.
A nova central multicanle da Xunta de Galicia permite tecer unha rede contra a soidade non desexada. Trátase dunha das medidas clave da Estratexia Galega que aborda este fenómeno social emerxente e crecente, e que se centra nas persoas e no seu benestar. Con esta ferramenta, a Xunta quere facilitar a detección temperá dos casos, mellorar a atención personalizada e crear un sistema de derivación e seguimento adaptado a cada persoa.
Eixos
Devandita central (conta cun investimento de 600.000 euros procedentes de fondos europeos MRR), que se pon en marcha en colaboración coa Cruz Vermella, pretende servir de apoio a todas aquelas persoas que se sintan soas, estean onde estean e independentemente da súa situación persoal. Articúlase arredor de tres eixos principais: unha liña telefónica gratuíta atendida por profesionais da Cruz Vermella, no número 900 830 831; un proxecto piloto con 1.000 persoas maiores de 65 anos que recibirán seguimento e acompañamento personalizados; e a creación de puntos presenciais de atención en oficinas da Cruz Vermella por todo o territorio galego.
A soidade non desexada non afecta unicamente ás persoas maiores (aínda que este colectivo sexa o máis vulnerable), xa que pode chegar a calquera persoa sen mirar a idade, o lugar de residencia ou a situación económica; por iso, o que se pretende é detectar o problema para darlle solución e axudar a estas persoas.
Estratexia
Esta, pois, é unha das accións máis innovadoras da Estratexia Galega contra a Soidade non Desexada, dotada cun orzamento global de 145 millóns de euros.
O Consello da Xunta de Galicia aprobou esta Estratexia e o seu plan de acción, que inclúe medidas xa en marcha e outras novidosas, fixando catro eixos de actuación: a detección, a sensibilización, a prevención e a intervención, cada un deles con propostas concretas.
En canto á detección, prevese a elaboración dun protocolo para identificar situacións de soidade non desexada e a creación dun censo. Tamén se contempla utilizar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para detectar e activar os recursos necesarios para combater estas situacións, e contar cunha maior coordinación cos traballadores sociais de atención primaria e dos concellos. Outra medida que forma parte deste eixo, é a creación de redes de apoio local e comunitario que detecten vulnerabilidade e illamento social entre os maiores. Estas redes estarán formadas por comercios de barrio, bares e cafeterías, farmacias, carteiros, centros parroquiais ou asociacións veciñais. As mesmas que contarán cun distintivo e darán a voz de alarma cando identifiquen sinais preocupantes.
Para sensibilizar realizaranse campañas informativas e de concienciación, programas de formación para profesorado e alumnado e recoñecerase o traballo de persoas e entidades contra a soidade non desexada.
No que respecta á prevención, a apóstase por seguir promovendo actividades interxeracionais, por poñer en marcha un programa de rutas culturais e viaxes para persoas maiores, por continuar cos proxectos de acompañamento dixital para persoas con 65 e máis anos para reducir a fenda dixital ou por consolidar e ampliar o Carné +65.
No que atinxe á intervención contarase con accións de apoio e acompañamento, tales como o fomento de vivendas compartidas de tipo cohousing ou coliving, programas de voluntariado específicos en materia de atención á soidade non desexada, a creación da figura de coordinadores de barrios e parroquias, a colaboración coas protectoras de animais para facilitar o coidado ou a adopción dunha mascota e a organización de cafés grupais.
Concienciación
Concienciar á sociedade é primordial para detectar, previr e acompañar, xa que este non é un problema individual. As persoas que sofren a soidade, moitas veces están invisibilizadas, ante unha contorna inconsciente da súa situación. Por iso, ademais das medidas institucionais, a Xunta difunde, mediante unha campaña, situacións que nos soan a todos, onde as ocupacións do día a día ás veces impiden que nos paremos a pensar sobre se, en realidade, podemos facer algo máis por acompañar aos nosos maiores ou xente en risco de sentirse soa.