A «Noite de Medo 2025» encherá Ourense co terror máis divertido

O programa contará con animación, obradoiros, desfile e un concerto de Heredeiros da Crus e a Gramola.

Desde fai uns anos a celebración do Halloween – Samaín na capital ourensá é un evento que congrega a milleiros de persoas polas rúas do casco vello da cidade. Por iso, desde o concello organizan un programa de actividades para que durante unhas horas, Ourense sexa a capital do «terror».
A cidade de Ourense prepárase para vivir unha nova edición da súa xa tradicional Noite de Medo, que se desenvolverá o venres, 31 de outubro, cunha programación chea de propostas para todos os públicos. O evento, plenamente consolidado no calendario festivo, combinará actividades para o público infantil e adulto, animación de rúa, música en directo e espectáculos que converterán a cidade nun auténtico e divertido escenario de terror.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, destacou o crecemento desta cita como un referente no panorama festivo nacional: “Xa é un clásico e o mellor Halloween de toda España. Comezamos a potenciar esta celebración en 2019 e, tras o parón da pandemia, reforzámola ano tras ano. As edicións de 2021, 2022, 2023 e 2024 foron un éxito e este 2025 volverá selo”. O obxectivo é claro: “facer deste Halloween algo máis que unha festa local, senón un punto de referencia en toda España”.

Programación
A programación inclúe obradoiros de cabazas e maquillaxe para a cativada, túnel do terror, desfile, un concerto infantil e o espectáculo “Chaioso de Medo”. O broche final será a música que prolongará a festa até a madrugada.

Os obradoiros darán o pistoletazo de saída deste Halloween que terán lugar no parque de San Lázaro; un de cabazas e outro de maquillaxe impartiranse de 17 a 19.45 hras.
A partir das 18:00 h abrirase o Túnel do Terror na Praza do Bispo Cesáreo, aberto até as 23:00 h, unha das atraccións estrela para quen buscan emocións fortes.
Tamén ás 19:00 h arrincará o gran desfile Halloween partindo do parque de San Lázaro, percorrendo a rúa do Paseo até a praza Maior, acompañado de animación rueira na zona dos Viños.
Na praza Maior haberá o concerto infantil, ás 20:00h, con Oviravai. A animación «Chaioso de Medo» poñerá os pelos de punta cos personaxes máis terroríficos do cinema e da mitoloxía; estarán de 20.00 a 23.00 horas na praza Maior e rúa Santa Eufemia.23

E a música será o que poña o broche final a esta celebración. Herdeiros da Cruz actuarán na rúa Progreso a partir das 23.00 horas e a Gramola Especial Halloween o fará na praza Maior a partir da medianoite.