Avanzan as obras da N-525

Foron supervisadas polo subdelegado do Goberno e o alcalde de Xinzo.

Amador Díaz, alcalde de Xinzo, e Eladio Santos, subdelegado do Goberno, supervisaron xuntos o avance das obras de humanización da N-525 ao seu paso pola vila facendo maior fincapé na contorna dos institutos, un dos primeiros tramos en execución e de maior impacto para a mobilidade diaria.
A intervención transforma a travesía nas avenidas de Ourense e Madrid con beirarrúas máis anchas, itinerarios peonís e ciclistas (de tres quilómetros), mellora de interseccións con pasos seguros e novas rotondas, renovación e soterramento de servizos, novo alumeado e zonas verdes. O contrato conta cun prazo de execución de 12 meses e un investimento superior a 4 millóns de euros, financiado polo Ministerio de Transportes con fondos NextGenerationEU.

Traballos
Xa están rematados os traballos de execución en beirarrúas no tramo comprendido entre o inicio da obra e a glorieta de acceso á A-52. Así mesmo, completouse a instalación do colector de pluviais na marxe esquerda da vía, mentres que na marxe dereita este traballo está próximo á súa finalización. Tamén se están repoñendo a rede de saneamento e as conducións do alumeado.
O alcalde Amador Díaz sinalou que a obra se está «a executar en coordinación permanente co Concello, por tramos e con seguimento diario, para compatibilizar os traballos coa vida da vila. O ritmo é alto e o obxectivo é claro: cumprir prazos e rematar en tempo unha travesía máis segura e centrada nas persoas».
Pola súa banda, o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, asegurou que durante toda a execución «se garante polo menos un carril por sentido de circulación na N-525, asegurando a continuidade do tráfico e sinalando adecuadamente os desvíos para minimizar as afeccións á circulación».