Manuel Pardo supervisa algunha delas no Concello de Monterrei.
A Xunta de Galicia continúa coas actuacións desenvolvidas para paliar as consecuencias da vaga de lumes que tiveron lugar este pasado verán. Por iso, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ao Concello de Monterrei para, acompañado do seu alcalde, José Luis Suárez, supervisar os traballos que se levan acabo. Desentullo e limpeza se están a levar a cabo nas edificacións que sufriron danos a causa da vaga de lumes no lugar da Caridade; no marco do convenio que asinou Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes con este municipio, por importe de máis de 225.000 euros.
O delegado territorial detallou que as actuacións que se están a desenvolver na Caridade consisten na demolición de cubricións que quedaron sobre muros, tabiquerías interiores en mal estado, vigas de castiñeiro calcinadas de forxados e retirada de entullos colapsados; e na limpeza e restauración ambiental das infraestruturas, equipamentos ou bens municipais afectados polo incendios.
Manuel Pardo puxo énfase en que a Xunta asinou convenios con 46 concellos por importe de 5 millóns de euros para paliar os danos en bens municipais e os gastos derivados das actuacións desenvolvidas para facer fronte ao lume. A meirande parte dos concellos beneficiarios son da provincia de Ourense con 35, nos que o Executivo autonómico destinou máis de 4,1 millóns de euros. No caso da comarca de Monterrei a Xunta leva destinado máis dun millón de euros aos concellos de Cualedro (243. 937€), Laza (156. 259€), Oímbra (230.962 €), Riós (69.786€), Vilardevós (80.092) e Monterrei (225.734€).
No que atinxe ás axudas ás vivendas, Manuel Pardo sinalou que o Executivo autonómico xa concedeu 7 axudas a propietarios de vivendas afectadas pola vaga de incendios forestais por un importe de máis de 600.000 euros na comarca de Monterrei. Delas, 6 corresponden a inmobles situados en Monterrei e unha a Cualedro.
Os convenios e Entidades locais beneficiarias
O representante do Goberno galego explicou que o obxectivo destas axudas é facer fronte aos gastos derivados das actuacións realizadas como consecuencia dos incendios, así como polos danos ocasionados en bens de titularidade municipal. Tal e como explicou o delegado territorial, estas achegas determináronse a través de convenios de colaboración cos concellos para colaborar nos seus gastos de obras de reparación, mantemento ou reposición das infraestruturas, equipamentos ou bens municipais afectados polos incendios, así como de adquisición de material para a reposición dos servizos afectados.
Tamén recalcou que a través dos mesmos estanse a cubrir os custos de limpeza e restauración ambiental ou de alugueiro, combustible e reparación de maquinaria e vehículos. Ademais, financiaranse os gastos de traslado, aloxamento e mantemento da poboación evacuada ou do persoal, tanto propio como dos efectivos do operativo de extinción, que o concello tivese que asumir. Inclúense entre as actuacións subvencionables o resarcimento dos gastos en que incorresen os veciños pola súa colaboración na extinción.
Visita ao Monte Veciñal en Man Común de Flariz
Posteriormente, o delegado territorial trasladouse ao Monte Veciñal en Man Común de Flariz onde veñen de rematarse unha serie de actuacións preventivas cunha achega de preto de 40.000 euros confinanciados dentro do Fondo Estratéxico da Política Agrícola Común e que consistiron na roza de matogueira de 0,94 ha., o peche con estacas de madeira tratada e malla cinexética de 1.561 metros e a instalación de 3 portas de aceiro.
Alí mesmo, lembrou que a Consellería do Medio Rural reforzará as actuacións en materia de incendios forestais para 2026, cun investimento de 75,38 millóns de euros, unha contía superior nun 50 % á destinada este ano, e intensificaranse os apoios a particulares e concellos mediante o convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias.
Tamén destacou que a Xunta redobrará o seu apoio para favorecer o cumprimento das obrigas nas faixas secundarias e así protexer os núcleos de poboación. Por iso, o vindeiro ano duplicarase o investimento no marco do convenio da Consellería do Medio Rural coa Federación Galega de Municipios e Provincias e Seaga, que pasa dos 12 millóns de euros actuais ata os 25 millóns o ano que vén.
O representante do Goberno galego puxo en valor que o novo convenio incluirá un incremento de parroquias priorizadas, nas que os veciños poderán contratar a Seaga para a limpeza das súas fincas; axilizaranse as execucións subsidiaras máis urxentes nas zonas de maior risco de incendio, prestarase un maior apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes e impulsarase a creación de barreiras naturais nestas faixas coa plantación de frondosas, unha cuestión que xa se contemplaba no actual convenio e que se reforzará.
“Ao mesmo tempo -asegurou Manuel Pardo- seguirase traballando noutras tarefas preventivas en montes públicos dependentes da Administración autonómica ou naquelas comunidades de montes veciñais coas que se leven a cabo proxectos de colaboración nesta materia como son rozas de áreas cortalumes ou faixas auxiliares, mellora de pistas forestais ou adecuación de puntos de auga”.



