Repartirá 3.000 euros en vales para o comercio local.
O Concello de Xinzo de Limia, contando coa colaboración da IXP Pataca de Galicia, pon en marcha a terceira edición do Patapas, que se celebrará entre o xoves 4 e o luns 8 de decembro. Esta iniciativa, consolidada como unha cita imprescindible para exaltar a gastronomía local e o produto estrela da comarca, regresa este ano cunha novidade estratéxica, apostando por un formato intensivo concentrado integramente nos cinco días da ponte festiva.
Trala coordinación co sector, decidiuse implantar este modelo máis compacto para adaptarse mellor ao calendario e optimizar o fluxo de público. A concentración do evento nestas cinco xornadas consecutivas ten como obxectivo dinamizar a hostalaría e facilitar que tanto a veciñanza como os visitantes poidan completar as súas tarxetas nunha única ponte, gozando da ruta sen interrupcións e favorecendo a rotación nos establecementos.
Para incentivar a participación, o Concello destina unha partida récord de 3.000 euros en máis de 25 premios, con catro premios de 250 euros e cinco de 200. Nunha clara aposta pola economía circular, estes importes repartiranse en forma de vales de compra para canxear no propio comercio local, garantindo así que o retorno económico e o beneficio da iniciativa repercutan de volta no tecido empresarial da vila.
Os establecementos participantes no 3º Patapas son: A de Torino, 5 Rutas, La Central Heladera, Meigallo, Monforte, Parque, Río Salas e Rosalía.





