Xinzo aposta por un Nadal máis social e cheo de actividades

A programación contempla música, tradición e actividades para os máis pequenos, todo de balde.

O Nadal de Xinzo de Limia fai unha aposta polo social cunha completa programación toda ela de balde creada para vivir un Nadal diferente, e deseñado para encher de vida tanto as rúas da vila como os centros sociais das aldeas.
Veciños, visitantes e limiaos que regresan a casa por estas datas poderán gozar dunha axenda mimada en todo detalle e con acceso gratuíto, para que, tal e como salienta o alcalde, Amador Díaz, «ninguén quede na casa nestas datas», apostando por un Nadal «de reencontros, de ilusión e, ante todo, para todas as familias sen excepción».

Máis alá das grandes novidades, o Nadal en Xinzo mantén viva a súa esencia máis tradicional e o recoñecemento ao esforzo dos veciños. A programación recupera citas imprescindibles no calendario local como a Gala da Cultura (26 de decembro) e a Gala do Deporte (29 de decembro), dúas xornadas deseñadas para poñer en valor e premiar o talento deportivo e artístico da casa. Así mesmo, a maxia máis clásica ten as súas datas marcadas en vermello para a infancia: a tradicional recepción de Papá Noel na Praza Maior o día de Noiteboa e a gran Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro, garantes da ilusión que nunca pode faltar nestas datas.

Máis actividades
Unha das actividades máis destacadas -fóra dos encontros con Papá Noel e os Reis Magos- desta programación será o musical oficial de Tadeo Jones: «A Táboa Esmeralda», que aterrará na Casa da Cultura o vindeiro 3 de xaneiro. A oferta infantil complétase co regreso do imprescindible Limialandia, que transformará o pavillón de deportes nun gran parque de xogos desde o 31 de decembro ao 6 de xaneiro, xunto con propostas como «Os Bolechas»(22 de decembro) ou o musical «A Maxia dos Contos» (29 de decembro).
No apartado musical, chega a espectacularidade do coro Black Light Gospel Choir con Rebeca Rods (21 de decembro) e a nostalxia do pop grazas ao tributo a La Oreja de Van Gogh (23 de decembro) e á banda de versións En Mala Hora (30 de decembro).
Porén, un dos momentos máis emotivos vivirase o 28 de decembro co 20º Aniversario da Agrupación Musical da Limia. A banda celebrará dúas décadas de historia cunha gala especial acompañada polo solista Antonio Barros, un evento clave para entender a saúde cultural da vila.

A diario
A programación non dá tregua e complétase cunha actividade continua que mantén o pulso da vila. Haberá espazo para a formación con diversos obradoiros na Casa da Cultura e para a creatividade local coas actuacións das Escolas de Gaitas e Danzón. A cultura máis intimista chegará da man do concerto de Emilio Rúa e Carlos Caneiro (18 de decembro) e a exposición «Destino» de Manuel Valcárcel. Ademais, o ambiente festivo tomará a rúa con citas como o aniversario da Charanga Achicoria ou as divertidas Prebadaladas do 31 de decembro.

Nadal nos pobos
Fuxindo de centralizar toda a actividade no casco urbano, o Concello activa un ano máis a iniciativa «Nadal nos Pobos». Durante os días 20, 22 e 23 de decembro, a maxia das festas percorrerá o rural levando música, teatro e agasallos a un total de 11 localidades, incluíndo Baronzás, Morgade ou Piñeira Seca, entre outras. O obxectivo é que o espírito do Nadal chegue a cada recuncho do municipio.