Reserva de prazas para a Aula Newton

Durante os meses de febreiro a xuño, a rapazada poderá participar.

A Aula Newton Galicia, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, acaba de abrir os prazos para que os centros educativos de toda a comunidade se inscriban de xeito gratuíto na segunda quenda do curso, que se celebrará entre os meses de febreiro a xuño. Dirixida a alumnado desde 2º da ESO a 2º de Bacharelato e FP, esta aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas está destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador.

Aviación
Os participantes terán a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo “Voamos con números: unha aventura aérea”. Para iso a Aula Newton dispón de catro simuladores de voo profesionais, que permiten que o alumnado goce desta experiencia, converténdose en pilotos por un día. En cada xornada pode haber ata un máximo de 32 participantes e un mínimo de 24.
Os centros educativos interesados en formar parte desta novidosa experiencia deberán inscribirse na páxina web https://newtonroom.com/es/localiza-tu-aula-newton/newton-galicia. A Aula desenvolve a súa actividade os xoves e os venres, de 10:30 a 13:30 horas. Agárdase que nesta edición participen uns 2.200 rapaces e rapazas de toda a comunidade.