«Imos de curtas» regresa ao Teatro Principal

Tras quince anos cunha gala de cinema organizada polo alumnado do CIFP A Farixa.

«Imos de Curtas 2026», unha gala de cinema que supón o regreso deste proxecto ao Teatro Principal de Ourense despois de case quince anos de ausencia. O evento terá lugar o xoves 22, ás 20:00 horas, con entrada gratuíta e contará coas presentación de tres das producións audiovisuais maís recentes do alumnado do CIFP A Farixa.

Participaron na rolda de prensa do evento os alumnos Iván Domínguez e Sara Campo, mebros do equipo de produción da gala, xunto con Jose Manuel Paredes, director do CIFP A Farixa e o director da área de cultura e deporte da Deputación, Marcos Vázquez, quen salientou a satisfacción por parte da Deputación de “poder colaborar nun proxecto tan interesante para dar visibilidade á creatividade e aos traballos de calidade do CIFP A Farixa”.

Durante a comparecencia, Iván Domínguez, alumno do ciclo de Produción de Audiovisuais e Espectáculos do CIFP A Farixa e membro do equipo de produción da gala, explicou o carácter formativo do proxecto, concibido como unha práctica real de aprendizaxe para o alumnado de segundo curso e salientou que gala está integramente producida polos propios estudantes, que afrontan así o reto de desenvolver un proxecto cultural completo que se presentará directamente ante o público.
Domínguez quixo salientar o apoio recibido por parte do profesorado e do propio centro educativo, así como a colaboración de diferentes entidades e espazos que fan posible esta edición: a Deputación de Ourense, o Teatro Principal e o seu equipo técnico, Pueblo Café Cultural, que acollerá a festa posterior, o Asador Zamora, o Restaurante Arco da Vella, a asociación de exalumnado A Maquinadora, os equipos das curtametraxes participantes e o humorista Diego Freire, que asumirá a presentación da gala.
Pola súa banda, Sara Campo, tamén integrante do equipo de produción, avanzou os contidos desta edición de Imos de Curtas, que incluirá a proxección de tres curtametraxes producidas nos últimos anos polo alumnado e exalumnado da Farixa, representativas de linguaxes e enfoques moi diversos.

Xornada
A sesión abrirase con Anoitecer, unha produción recente realizada no marco da Residencia Faíscas do Festival Internacional de Cine de Ourense, dirixida por Adrián Basalo e Iván Domínguez, que obtivo o segundo premio na súa primeira edición. Seguiralle Cruel, dirixida polos exalumnos Pablo Oliveira e Marcos Ares, unha obra de ficción que aborda o suicidio e que xa está a ter un destacado percorrido en festivais. Pechará a programación Memoria de Soutelo, un documental íntimo de Candela Lorenzo que dialoga coa memoria familiar e co arquivo fotográfico de Vieites, e que tamén conta cun amplo percorrido en certames.
Os equipos das tres curtametraxes estarán presentes na gala para compartir co público a súa experiencia. Ademais, o evento contará con elementos de humor e coa proxección dalgúns sketches de edicións anteriores.

A organización subliñou que, aínda que se trata dun proxecto enmarcado no ámbito formativo, Imos de Curtas é unha cita aberta a toda a cidadanía, cunha proposta que vai máis alá do contexto escolar e aposta por un cinema novo, rigoroso e comprometido. Nese sentido, o director do CIFP A Farixa, Jose Manuel Paredes, salientou a aposta decidida do centro pola innovación e o modelo de traballo por proxectos, “unha aposta decidida”, afirmou “por un modelo educativo que debe estar en contacto coa comunidade e permitir ao alumnado de todas as especialidades do centro aprender en entornos reais, máis alá das catro paredes da aula”.

A entrada é gratuíta e poderá retirarse na taquilla do Teatro Principal desde unha hora antes do comezo da gala. Tamén é posible solicitar invitación enviando un correo electrónico a imosdecurtas2026@gmail.com, indicando nome, apelidos e número de entradas solicitadas.