Ourense estrea un circuíto común de carreiras de obstáculos con tres probas na provincia

Aurum Terrae · Liga OCR Deputación de Ourense nace da unión entre a Cavernícola Race (Barbadás), A Revolta Irmandiña (Verín-Monterrei) e a Uros Race (Toén).

A Aurum Terrae · Liga OCR Deputación de Ourense foi presentada en rolda de prensa no Centro Cultural Marcos Valcárcel, nun acto no que interviñeron Diego Enrique Álvarez Fernández, asesor de política deportiva, en representación da Deputación Provincial de Ourense; Manuel Pérez González, Xefe de Deportes de Ourense da Xunta de Galicia, Jose Prado, pola Revolta Irmandiña e Diego López, pola Cavernícola Race. Tamén estiveron presentes Diego Lourenzo, Concelleiro de Deportes do Concello de Verín; Jose Luis Suárez Conde, alcalde do Concello de Monterrei, Xosé Carlos Valcárcel, Alcalde do Concello de Barbadás, Thor López Arias, Uros Race e Miguel Soto, presidente Club Cavernicola OCR Team.

Proxecto
A provincia de Ourense contará en 2026 cun novo proxecto deportivo que busca ordenar, fortalecer e dar continuidade ás carreiras de obstáculos que xa se viñan desenvolvendo no territorio. A iniciativa conecta por primeira vez nun marco común tres probas consolidadas: Cavernícola Race (Barbadás), A Revolta Irmandiña (Verín–Monterrei) e Uros Race (Toén).
«Esta liga nace da necesidade de dar estrutura e continuidade ao traballo que xa se viña facendo na provincia. Queremos sumar esforzos, abrir o deporte a máis xente e demostrar que Ourense ten potencial para acoller un circuíto estable de carreiras de obstáculos. A previsión é superar os 1.500 atletas participantes ao longo das tres probas”, sinalan desde a organización.

O proxecto conta cunha clara vocación de colaboración co tecido deportivo existente. Boxes de crossfit, ximnasios, clubs, escolas deportivas e grupos de adestramento forman parte activa da estratexia da Liga, coa fi nalidade de ampliar a base de participación, fomentar hábitos saudables e consolidar unha comunidade deportiva estable ao longo do ano. Desde a Deputación Provincial de Ourense destacouse o valor do proxecto como exemplo de colaboración entre administración e tecido deportivo local.

A primeira edición da Liga OCR Ourense desenvolverase ao longo de tres citas: Cavernícola Race, o 9 de maio en Barbadás; A Revolta Irmandiña, o 14 de xuño en Verín–Monterrei; e Uros Race, o 13 de setembro en Toén. As inscricións están xa dispoñibles nas plataformas oficiais de cada carreira. Para formar parte da Liga, cada atleta deberá inscribirse de maneira individual nas tres probas, na categoría correspondente, e marcar a opción habilitada para participar na clasifi cación xeral durante o proceso de inscrición. A participación na Liga será gratuíta.

A Aurum Terrae contará cun sistema de premios concibido como unha ferramenta de promoción turística e deportiva da provincia. Os recoñecementos estarán vinculados a experiencias no propio territorio —aloxamento, benestar, deporte e lecer— co obxectivo de fomentar unha segunda visita á contorna por parte das persoas participantes e das súas acompañantes. A iniciativa aposta así por aproveitar os recursos naturais, patrimoniais e deportivos de Ourense, convertendo a competición nun motor de retorno e nunha oportunidade para descubrir a provincia máis alá do día da carreira.

Ourense, territorio para o deporte ao aire libre
Aurum Terrae · Liga OCR Deputación de Ourense nace coa vontade de fomentar estilos de vida activos e saudables, entendendo o deporte non só desde a competición, senón como unha práctica social, accesible e motivadora. As carreiras de obstáculos ofrecen unha experiencia que pode compartirse con amizades, grupos ou familias, adaptándose a diferentes idades, niveis e capacidades, e converténdose nun plan atractivo para quen busca iniciarse no deporte ou manter unha rutina de adestramento non profesional. A través desta liga, apóstase por animar á poboación a saír ao espazo público, ocupar a rúa e a natureza desde o deporte e integrar a actividade física como parte da vida cotiá.

A liga reforza tamén o posicionamento da provincia como destino de turismo activo e deportivo, un sector en crecemento que combina actividade física, natureza, patrimonio e gastronomía. As características do territorio —espazos naturais singulares, sendeiros históricos, vilas con identidade propia e unha oferta termal e gastronómica recoñecida— converten cada proba nunha oportunidade para descubrir Ourense desde unha perspectiva diferente tanto para as atletas como para as acompañantes.