O Circuito da Agua promoverá deporte, turismo e economía local na Raia

Unirá en 2026 dúas probas da contorna: A Revolta Irmandiña – o 14 de xuño en Verín–Monterrei – e a Flavius Challenge – o 15 de novembro en Chaves-.

A sede da Eurocidade Chaves–Verín acolleu a presentación do Circuito da Agua, unha nova competición deportiva transfronteiriza de carreiras de obstáculos (OCR) que unirá en 2026 dúas probas da contorna: A Revolta Irmandiña – o 14 de xuño en Verín–Monterrei – e a Flavius Challenge – o 15 de novembro en Chaves-.

O acto, celebrado na sede da Eurocidade Chaves–Verín, contou coa presenza de Diego Lourenzo, concelleiro de Deportes do Concello de Verín; Tiago Caldas, vicepresidente da Câmara de Chaves; José Luis Suárez Conde, alcalde do Concello de Monterrei; José María Lago, deputado provincial da Deputación de Ourense; Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense; Brigite Bazenga, vogal do Conselho de Administração e Gestão de Equipamentos do Município de Chaves, SA (Termas de Chaves); Miguel Valpaços, representante da Flavius Challenge; e Jose Prado, representante da Revolta Irmandiña.

O proxecto nace da colaboración directa entre os equipos organizadores de ambas carreiras, coa vontade de reforzar os vínculos deportivos entre Galicia e Portugal e de entender a Raia como un territorio compartido no que o deporte funciona como espazo de encontro, mobilidade e convivencia. A elección da Eurocidade Chaves–Verín como escenario para a presentación responde ao carácter simbólico deste espazo, referente da cooperación transfronteiriza e identifi cado como Eurocidade da Água, cunha das maiores concentracións de mananciais naturais minerais de Europa e cunha identidade historicamente vencellada á auga, ao termalismo e á saúde.

O Circuito da Agua desenvolverase ao longo de 2026 e permitirá ás participantes competir nas dúas probas dentro dun mesmo marco deportivo, sumando resultados nunha clasifi cación conxunta. A competición estrutúrase en tres categorías —Elite, Starter / Competitive e Popular / Fun— co obxectivo de facilitar a participación tanto de atletas de máximo nivel competitivo como de deportistas afeccionados ou persoas que se achegan por primeira vez ás carreiras de obstáculos.

A participación no Circuito da Agua será gratuíta como competición, sen custo adicional para os atletas. Para formar parte da clasificación xeral, cada persoa deberá inscribirse individualmente en A Revolta Irmandiña e na Flavius Challenge a través das plataformas oficiais de cada evento, indicando a participación no circuíto no propio formulario. Será obrigatorio competir na mesma categoría en ambas probas. No caso de non activar inicialmente esta opción, poderá solicitarse posteriormente mediante contacto coa organización.
A clasificación xeral obterase mediante a suma dos puntos acadados nas dúas carreiras, sendo imprescindible completar ambas probas na mesma categoría. O sistema de puntuación, progresivo por posición, premiará tanto o rendemento deportivo como a participación, confi gurando un modelo competitivo recoñecible dentro do ámbito OCR.

Máis aló da dimensión deportiva, o proxecto incorpora unha clara compoñente territorial. As probas atravesarán espazos emblemáticos como o Castelo de Monterrei, o Camiño de Santiago, a ciclovía das marxes do Támega, os viñedos da Denominación de Orixe ou a Ponte Romana de Chaves, convertendo a competición nunha oportunidade para descubrir o patrimonio histórico, cultural e paisaxístico do territorio. Nun destino marcado pola diversidade de fontes e instalacións termais —desde fontes populares ata grandes parques como Cabreiroá ou Vidago, pasando polos vestixios romanos e os complexos máis modernos—, o deporte intégrase nun ecosistema asociado ao benestar, á recuperación e aos estilos de vida saudables.

Os premios do Circuito da Agua estarán vinculados precisamente a experiencias, recursos turísticos e produtos da contorna. Este enfoque busca reforzar o coñecemento do territorio, incentivar futuras visitas e permitir á veciñanza redescubrir a súa propia contorna.