As actividades a prol da igualdade estenderanse durante os meses de marzo e abril.
O Concello de Barbadás conmemora o Día Internacional da Muller, 8M, cunha ampla programación que inclúe actividades deportivas, culturais e educativas durante os meses de marzo e abril. “A loita pola igualdade é unha loita esencial e diaria”, recalcou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, na presentación da programación. O rexedor estivo acompañado do tenente alcalde e concelleiro de Igualdade, Daniel Rey, así como de Maribel, Eva, Noelía, María e Encarna, traballadoras municipais de Servizos Sociais e Igualdade. “Quero agradecerlles o seu esforzo e traballo”, destacou o edil.
Os actos conmemorativos arrancan este domingo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, coa lectura do manifesto e o acto institucional ás 12,00 horas na contorna da glorieta da Familia da Valenzá. “Tamén teremos unha carpa informativa de 11,00 a 14,00 horas”, detallou Rey.
O domingo 15 de marzo levarase a cabo a III Carreira pola Igualdade e Contra a Violencia de Barbadás, unha cita que cada ano reúne a centenares de corredoras e corredores na Valenzá. A saída é as 11,00 horas e as inscricións xa se poden realizar a través da web Sportmaniacs.
O sábado 28 de marzo realizarase o obradoiro de Autodefensa para Mulleres. “Esta actividade tamén se repetirá na programación do 25N”, avanzou o concelleiro de Igualdade. O obradoiro terá lugar na Casa da Mocidade de 11,30 a 13,30 horas. As inscricións poden realizarse a través do mail igualdade@barbadas.gal e do 988 222 251.
O venres 17 de abril, a Casa da Cultura Manuel María acollerá ás 20,30 horas a obra teatral “As alumnas”, centrada na figura da pedagoga galega María Barbeito e no impacto do franquismo na educación das nenas. As invitacións poderán recollerse na propia Casa da Cultura esa mesma semana.
No apartado educativo, nos meses de marzo e abril haberá obradoiros no CEIP O Ruxidoiro, CEIP Filomena Dato, Colexio Luis Vives e IES Xesús Ferro Couselo. “O alumnado traballará na temática da igualdade”, explicou Rey.
O alcalde e o tenente alcalde convidaron á poboación a sumarse ás actividades do 8M, xa que a loita pola igualdade é unha cuestión transversal a homes e mulleres. “É necesario poñer en valor a loita das mulleres e sensibilizar á sociedade para seguir avanzando”, apuntou Valcárcel.
María Armada, directora do CIM, sinalou a desigualdade “estrutural” que afecta ás mulleres en todos os ámbitos: “Hai moitas formas de discriminación no plano laboral ou nos coidados e na conciliación, onde os homes non están entrando do mesmo xeito que as mulleres”. Tamén incidiu no impacto da violencia de xénero, principal motivo das atencións realizadas desde o CIM de Barbadás.




