O filme documental sobre a historia da desaparición do holandés Martin Verfondern foi o encargado de abrir a 21ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense.

«Santoalla» convence na apertura do OUFF

Andrew Becker e Daniel Mehrer , os dous novos directores norteamericanos que con «Santoalla» retratan dunha maneira certeira a realidade da Galicia máis rural, agradeceron a gran oportunidade que supón para eles poder proxectar o seu filme en Ourense.

«Santoalla» xira arredor de Martin Verfondern e Margo Pool, unha parella de holandeses que tiñan un soño: vivir no campo, lonxe das limitacións e complicacións da cidade. Con todo, ao chegar á aldea galega de Santoalla (lugar no que se rodou Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro), estes estranxeiros desafiaron as tradicións da única familia residente na localidade, iniciando un conflito de máis dunha década que culminou coa misteriosa desaparición de Martin. Se teñen a ocasión, vaian vela; o documental volve proxectarse este sábado ás 17 horas no Auditorio e o luns ás 20 horas na Casa da Cultura de Xinzo.

Gozar de sete días de cine

A proxección de “Santoalla” foi o acto central dunha noite que comezou cunha gala dunha hora presentada polos xornalistas Marta Gómez e Ángel Suanzes. Con ela, o OUFF daba pistoletazo de saída a sete días que encherán Ourense de cine.

Os presentadores foron desgranando a programación que se poderá ver ata o próximo  día 5 de novembro . En total son 109 sesións de 73 películas, unha vintena delas de produción galega.  No cambio de rumbo polo que optou a nova dirección artística do festival, en mans do asturiano Fran Gayo, nesta edición haberá dúas sección oficiais, a Iberoamericana e a de Óperas Primas.  Na súa intervención, Gayo indicou  que “esta 21ª edición do festival está construída sobre a busca sempre do rigor no traballo sen perder nunca de vista o amor por isto que facemos”.

Canto ao discurso do alcalde, Jesús Vázquez, afirmou que o obxectivo do OUFF é “ser foco irradiador da cultura audiovisual e cinematográfica” e agradeceu ao resto de institucións, Xunta e Deputación, e entidades privadas colaboradoras, pola súa implicación no certame. Tamén fixo mención ao Cineclube Padre Feijoo, a quen se lle recoñece os seus 46 anos de historia a través dun novo galardón que entregarán á mellor ópera prima da competición.

Tamén interviu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen fixo un recoñecemento ao Premio Cidade de Ourense desta edición, o director galego Oliver Laxe, “un premio que lle fai xustiza á súa mestría e estilo propio”. Feijóo e amosou a intención do Goberno galego de, na nova lexislatura, seguir apoiando o cine “con maior intensidade”, e rematou o seu discurso, animando ao público a ir ás salas e gozar destes sete días de películas.

Nun guiño ao pasado profesional bonaerense de Gayo, o  apartado musical da gala correu a cargo do grupo Tangata.