A AVV Santa Teresita e Limiar unen forzas para recuperar a Feira do Vinteún, que se celebrará de novo o 21 de outubro.

“Agora enfocamos a Feira do Vinteún cara unha vía máis cultural”

A Asociación de Veciños Santa Teresita quere retomar a Feira do Vinteún, unha das citas máis destacadas para os veciños da zona no pasado.
Senén Rodríguez, membro da directiva da asociación, e Manuel Mosquera, presidente de Limiar, fálannos da idea que teñen para recuperala, e que xa conta co apoio do Concello. Tras unha reunión co alcalde, os organizadores saíron moi satisfeitos porque o goberno municipal se comprometeu “a involucrarse en todo o que poida”.

Como xorde a idea de retomar a feira?
Senén Rodríguez: “Foi a xente do barrio que tiña a inquietude de recuperar a feira, e nós desde a asociación tiramos cara adiante para que se levara a cabo, ou alomenos facer un acto en recordo da festa”.

Xa vén de lonxe?
S.R.: “A finais de 2013 houbo un cambio, e a nova directiva xa tiña este proxecto en mente. Primeiro traballamos coa idea de facela unha vez ao mes; pero non é sinxelo. O que levaba o tema non puido continuar e quedou aparcado. Ata que nun momento dado, uns veciños comezaron a moverse e fai un par de meses decidimos reunirnos e de aí saiu a idea de facer o acto en recordo da feira do Vinteún”.

E pedistes axuda a Limiar?
S.R.: “Si claro. Nós pertencemos á Federación de Asociacións de Veciños Limiar e desde o primeiro momento apoiannos en todo o que estea na súa man”.

Como recibistes esta idea desde a Federación?
Manuel Mosquera: “Pois desde o primeiro momento de forma moi postiva. A Federación está para axudar as asociacións. Esta é unha iniciativa moi positiva e estamos aí para apoiala. E esta conta co respaldo de 30 asociacións de Ourense. Ademais avisarémolas para que traian a xente”.

Cando será o día de celebración da feira?
S.R.: “Pedimos para o día 21 de outubro e terá lugar na praza Diego González, onde se realizaba a antiga. Hai tanta xente e tantas asociacións culturais que se puxeron en contacto para colaborar que non queremos deixar a ningunha fóra, por iso pedimos tamén permiso para o día seguinte, o 22”.

Que poderemos atopar nesta cita?
S.R.: “Esta feira pertencia ao antigo concello de Canedo e era sobre todo de gando. Agora enfocámola por unha vía máis cultural. Por iso queremos traer postos de artesanía para que se traballen os oficios en vivo; produtos naturais e ecolóxicos; actividades culturais (con gaitas, charangas, a nosa rondalla,…). Tamén haberá xogos para os rapaces. Ademais, o presidente dos comerciantes do Vinteún, Héctor Rojas, adiantounos que durante ese día os comercios que colaboran farán unha oferta especial, como pode ser un desconto do 21%”.

Parece que o éxito está asegurado.
M.M.: “Creo que si. Ao ser unha demanda dos veciños está claro que vai ter boa acollida. Hai tanto ruxe ruxe que a xente de fóra deste barrio xa pregunta pola feira”.

Esperabades este interese?
S.R.: “Para ser sinceros esta non era a idea inicial; queriamos facer un acto, máis sinxelo, en recordo do que era a feira. Pero o interese suscitado foi tal, que nos demos conta de que tiñamos que ofrecer algo máis”.

Supoño que non se realizará unha soa vez.
S.R.: “Non o podo asegurar. Hai que ver como funciona e a partir de aí comezaremos a traballar na mellor forma para continuar con ela”.

Este é o camiño que deben seguir as asociacións de veciños?
M.M.: “As asociacións que buscan beneficio para o seu barrio son as que funcionan. Pouco a pouco vaise dando exemplo e a xente vaise concienciando”.