A nova técnica aplicarase a todas as intervencións de tiroides e poderá aplicarse en intervencións oncolóxicas nas que se precise de asegurar a viabilidade vascular.
A Unidade de Cirurxía Endocrina Cervical do Hospital Universitario de Ourense ven de converterse na primeira de Galicia en empregar un innovador sistema, que facilita a visualización das pequenas glándulas paratiroideas, e os vasos que as irrigan, axudando ao cirurxán a localizar e preservar estas estruturas, evitando así o seu dano accidental, un dos principais riscos da cirurxía tiroidea.
Para incorporar esta tecnoloxía a Área Sanitaria de Ourense Verín e Valdeorras investíu 108.000 euros na adquisición, mediante concurso publico, do sistema “Fluobeam” de Fluoptics, converténdose así no primeiro hospital galego en dispoñer deste equipo, que aumenta a seguridade e precisión na abordaxe cirúrxica desta área, e que se comezou a empregar este mesmo mes de novembro.
A nova tecnoloxía supón un avance moi importante na cirurxía endócrina, xa que o principal risco desta intervención é precisamente a lesión das glándulas paratiroides. Catro estruturas moi pequenas e con frecuencia difíciles de distinguir, en íntima relación coa glándula tiroides, e cuxa función principal é regular o calcio. Un dano na súa estrutura, ou rego sanguíneo durante a intervención, pode derivar nun hipoparatiroidismo, o que supón para o paciente a necesidade de medicarse de por vida para para regular o calcio.
Especialmente deseñado para o ámbito da cirurxía da tiroide e das glándulas paratiroides, permite aos cirurxiáns identificar, en tempo real, as paratiroides mediante autofluorescencia -en infravermello-, sen necesidade de administrar contrastes adicionais. Así, optimízase a localización destas pequenas glándulas, grazas a unha cámara que ofrece unha visión en tempo real, a 25 fotogramas por segundo, e un campo de visión con gran profundidade (> 5 cm).
Visibilidade dos pequenos vasos
Ademáis do infravermello, o Fluobeam permite empregar tamén a fluorescencia con ICG (verde de indocianina) que permite visualizar a árbore vascular e protexer os vasos que irrigan as catro pequenas glándulas paratiroides, evitando numerosas complicacións e estudos postcirúrxicos.
Esta posibilidade permite aplicar unha técnica que supón modificar a orde clásica da cirurxía. Empregando a información do mapa vascular que nutre as glándulas, preservando estes vasos, e por extensión as glándulas, antes de retirar o tiroides.
155 intervencións de tiroides ao ano en Ourense
A cirurxía de tiroides, ou tiroidectomía, é unha intervención na que se retira unha parte ou toda a glándula tiroide. Esta indicada ante nódulos tiroideos sospeitosos ou malignos, nalgúns casos de bocio, hipertiroidismo que non responde a tratamento, ou outras alteracións estruturais.
A cirurxía de tiroides é relativamente frecuente e é unha das intervencións endocrinas máis comúns. En Ourense realizáronse, o pasado ano, 155 intervencións, aproximadamente a metade por sospeita de malignidade.
O novo equipo empregarase a todas as cirurxías de tiroides, formando parte xa das medidas habituais de seguridade, como as que desde hai anos se aplican para limitar riscos de danos as cordas vogais ou hemorraxia, mediante a monitorización sistemática do nervio larínxeo; o uso de dispositivos de hemostasia de última xeración; ou a ecografía de cordas vocais.
Ademais, desta tecnoloxía poderán beneficiarse pacientes non só de tiroides, xa que o novo sistema é aplicable a mellora da visualización da rede vascular, aplicable a numerosas intervencións, desde linfadectomías, como a do ganglio centinela, á tumorectomía de mama, metástase de fígado ou cancro colorrectal, así como na cirurxía das glándulas suprarrenais, ou da parede abdominal.
Sesión Clínica de presentación
A dispoñibilidade da nova tecnoloxía foi presentada nunha sesión clínica xeral do Hospital Universitario, convocada polo coordinador da Unidade de Cirurxía Endócrina Cervical, e xefe de sección de Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, Pedro Trillo, que contou coa presenza do xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Santiago Camba, e Pablo Moreno, xefe da Unidade de Cirurxía Endócrina do Hospital Universitario de Bellvitge, un dos referentes nacionais da especialidade.
Para o coordinador da Unidade este avance supón un salto cualitativo na seguridade e precisión destacando que “o novo equipo súmase ao proceso continuo en prol da seguridade e precisión da cirurxía endócrina “a monitorización do nervio larínxeo, o bisturí de ultrasóns, a ecografía de cordas vogais e por suposto o traballo multidisciplinar en equipo: cirurxáns endocrinólogos, patólogos, neurofisiólogos, oncólogos e radiólogos, o que sitúa ao Hospital Universitario de Ourense á vangarda en innovación» afirmou.





