Obras de mellora na capela de San Mauro

No Concello de A Arnoia.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou acompañado do alcalde da Arnoia, Rodrigo Aparicio, a capela de San Mauro para informalo do anuncio de adxudicación das obras para a mellora das condicións de humidade, nas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vai investir preto de 195.000 euros, cun prazo máximo de execución de 4 meses.

O delegado territorial explicou que con esta actuación pretenderase resolver os problemas de estanquidade da cuberta e as afeccións producidas á súa estrutura de soporte de madeira, e de infiltracións de auga por capilaridade na zona da ábsida. Tamén, con esta intervención, búscase solucionar a ausencia de ventilación da igrexa, que provoca un ambiente inadecuado que non favorece a conservación das fábricas e o mal estado das carpinterías; e mellorar a accesibilidade do acceso principal.
Manuel Pardo incidiu na necesidade de que os bens patrimoniais continúen desempeñando un papel de cohesión elemental que realizan. «O patrimonio transcende ao propio territorio e vincula cada actuación sobre os principais ben culturais, polo que toda actuación legal que se acometa sobre este debe ser executada coa responsabilidade correspondente ao seu peso histórico», sinalou.

Tamén puxo en valor a preservación patrimonial como corazón da nosa estratexia cultural e unha das principais liñas de actuación do Goberno galego. «O noso deber como axentes públicos é garantir a protección, preservación e divulgación do patrimonio histórico sen que isto repercuta no desenvolvemento orgánico das contornas urbanas das que forman parte», explicou Manuel Pardo, afirmando que o desenvolvemento urbano «require da base firme do patrimonio cultural para asegurar o seu propio crecemento».
O representante do Goberno galego rematou reiterando o firme compromiso da Xunta coa salvagarda dos monumentos históricos, que abrangue desde os grandes templos, ao abeiro do Plan Catedrais, ata pequenas igrexas e outros bens espallados polos concellos galegos, cos que se está en permanente contacto para coñecer as súas necesidades neste eido.

As actuacións previstas
As obras nesta capela consistirán na renovación do sistema construtivo de cubrición co desmonte do material de cubrición e enlatado de madeira, con recuperación dos elementos orixinais que estean en bo estado; na substitución dos elementos de carpintería que están en mal estado cun deseño sinxelo que harmonice co ben; e no cambio da instalación eléctrica cunha nova distribución da rede, cambio de lugar da caixa de distribución e mellora da iluminación coa substitución e recolocación das luminarias.

Tamén colocarase entaboado de madeira de castiñeiro, lámina impermeable, fibrocemento e tella cerámica curva con babeiro de zinc sobre a cornixa, garantindo a ventilación da estrutura; eliminarase o rexuntado en cemento gris que será substituído por un morteiro de cal, e restauración dos elementos singulares; e na zona do presbiterio, substituirase o pavimento de terrazo por outro en pedra e corrixirán os chanzos intermedios coa colocación dunha nova peza.
Por último, para corrixir as deficiencias de utilización das escaleiras actuais na entrada, se superporán novos chanzos aos existentes, integrando aínda que diferenciando a nova actuación, de modo que se garanta un uso cómodo e unha percepción adecuada do ben.

A capela de San Mauro
A capela de san Mauro, cuxo orixe se estima no s. XII, é unha edificación de pequenas dimensións e dunha soa nave rectangular con ábsida poligonal con contrafortes e muros portantes de perpiaños de granito. Composta por tres espazos consecutivos diferenciados, a cuberta se resolve a dúas augas na zona da entrada, a tres na zona central e a cinco na ábsida, todas elas con cubrición de tella.

No seu interior destaca a bóveda de pedra a base de nervios que cubre o presbiterio, o cal se eleva respecto á única nave que compón a capela mediante tres chanzos divididos en dous tramos. O teito que cubre o espazo intermedio está formado por unha estrutura de madeira a catro augas, cunha crave no centro. O tramo da entrada, de menor altura, probablemente engadido con posterioridade contaba con dous arcos de medio punto laterais, cegados no s. XIX.