Entrevista ao escritor ourensán Valentín Barreiros Bermejo.
Valentín Barreiros preséntanos «Caderno de verán». O escritor ourensán que nas súas obras fala, sobre todo, de cinema; nesta ocasión cambia de rexistro e escribe unha obra de poemas nos que, iso si, a Sétima Arte está presente.
Que atopará o lector cando abra «Caderno de verán»?
Valentín Barreiros: «Caderno de verán é un conxunto de textos líricos que conforman un diario de viaxe. Nel fago un percorrido vital, desenvolvido en sete tempos, que discorre dende a infancia até a madureza. Parte dunha ollada íntima e persoal que evoluciona cara unha voz máis colectiva e social».
Por que ese nome para este libro?
V.B.: «Para min o verán máis que unha estación é un estado de ánimo. Conéctame directamente con ese edén particular que foi a infancia na aldea dos meus avós. De feito, este libro nace con ese espírito dos vellos cadernos de vacacións que nos axudaban a repasar e fixar o aprendido dende a calma e o lecer».
Sempre escribiches en prosa, sobre todo ensaio. Agora pasas ao verso, foi difícil o cambio?
V.B.: «Aínda que poida parecer unha ruptura na miña traxectoria o certo é que a poesía sempre me acompañou. É un xénero que levo anos frecuentando e no que me sinto cómodo. Os meus poemas viron a luz grazas á Revista INviable e a publicación desta obra é a continuación natural do camiño alí iniciado».
Nesta ocasión Xosé Poldras encárgase das ilustracións, que engaden as mesmas aos poemas?
V.B.: «As ilustracións de Xosé Poldras, que foron escollidas con especial coidado e atención, non só acompañan os textos senón que os completan e dialogan con eles. Do mesmo xeito, penso que é un atractivo engadido podermos gozar do traballo de quen sen lugar a dúbidas é un dos referentes do gravado en Galicia».
No teu percorrido literario o eixo central é o cinema, nestes versos tamén está presente a Sétima Arte?
V.B.: «O cinema forma parte da miña vida e a súa pegada proxéctase en moitos poemas deste libro. Con todo, procurei fuxir das mencións explícitas e preferín que a Sétima Arte habitase os recantos dos textos, que se puidese intuír dun xeito sutil, case imperceptíbel coma un murmurio».
Como director das túas obras, os anteriores libros (divulgación maiormente) eran coma abrir plano e este (en verso e máis intimista) é como se o pecharas?
V.B.: «Ao escribir libros de divulgación penso que é fundamental establecer un marco de referencia para contextualizar a obra. Iso require de planos xerais e planos enteiros co fin de situar o lector no tempo e no espazo que vai





