Cartas desde Copenhague
Un proxecto empezado como un epistolario e que aspira a manter ese ton require que, de cando en vez, ábrame en canle. Non por exhibicionismo, senón porque creo que non existe mellor xeito de coñecerse que intentar narrarse. Non é unha tarefa baladí. Xestionar a vida no século 21 converteuse en todo un negocio. Aristóteles invitábate a dar un paseo; TikTok recoméndache ir a terapia. Todo é unha cuestión de perspectiva.
Confeso que me custa manterme demasiado tempo aferrada á rutineira cotiandade sen caer nun profundo sopor existencial cando non a confronto con outras miradas, outras ideas, outras formas de entender a vida. A miña irmá di que vivo nas minchas. Se algunha vez sentiches unha lixeira —ou esmagadora— infantilización por parte dos teus maiores ou de determinados sectores da sociedade, tranquila: non estás soa. Cando vives fóra, a relatividade do tempo alcanza a súa máxima expresión durante as vacacións. Dá igual o que construíses lonxe de casa, os éxitos ou os fracasos que acumulases: para moitos segues sendo aquela adolescente un pouco desorganizada, sen demasiadas preocupacións e cunha vida extraordinariamente sinxela.
Quizá a moitas vos resulte familiar esta ladaíña: Pero de que te preocupas? Non tes fillos, nin mascotas, nin unha parella que te ate. Podes facer o que che dea a gana. Coma se todas esas ausencias —moitas delas elixidas conscientemente— fosen a proba irrefutable dunha existencia libre de responsabilidades. Por unha banda está a túa realidade, coas súas luces e as súas sombras. Pola outra, a idea que os demais constrúen sobre ela; os que comparten o teu apelido e os que simplemente pasaban por alí. Porque seguimos dedicando máis enerxía a interpretar a vida allea que a comprender a propia. É lóxico, en certo xeito. Resulta moito máis sinxelo emitir un xuízo sobre alguén que enfrontarse a aquilo que realmente nos incomoda. Opinar ofrece unha gratificación inmediata; comprender esixe tempo, curiosidade e, sobre todo, empatía.
Cando a experiencia che permitiu observar unha mesma realidade desde distintas perspectivas, expresar certos matices pode facer que te tachen de pretensiosa. Vivimos tempos nos que as respostas rápidas parecen cotizar máis alto que as preguntas difíciles e nos que a complexidade adoita espertar máis sospeitas que interese. Escribe Kaveh Akbar na súa marabillosa novela Martir que a vida é como un alfabeto finito co que poden construírse infinitas combinacións. Fascíname esa imaxe porque desafia a obsesión contemporánea por reducilo todo a respostas simples, a etiquetas, a algoritmos que simplifican o que, por natureza, é complexo. Quizá facerse maior consista en aceptar que as letras son as mesmas para todos, pero que cada un escribe unha historia distinta. Significa descubrir que algúns amigos de toda a vida terminan converténdose en simples coñecidos. Significa aprender a adaptar a curiosidade e a imaxinación a un corazón remendado. Significa seguir crendo que os descoñecidos merecen algo máis que a nosa desconfianza. Significa quererse mentres un exército inesgotable empéñase en convencernos de que sempre nos falta algo para estar completos. Nese proceso de infinitas combinacións, cada decisión abre un camiño distinto. Chega un momento en que comprendes que quizá non merece a pena seguir explicándote constantemente. Non porque renuncies a ser entendida, senón porque aceptas que ninguén poderá coñecer todas as circunstancias, as renuncias, os medos e as pequenas vitorias que deron forma a quen es. Esa aceptación termina sendo profundamente liberadora.
Hai unha liberdade inmensa en comprender que nunca poderemos explicar a nosa vida de todo. Sempre haberá quen a reduza a unha colección de decisións equivocadas, e privilexios. Imaxinarios. Quizá crecer non sexa acumular certezas senón en seguir facendo preguntas. Manter intacta a curiosidade. Elixir a empatía fronte ao xuízo. E confiar en que, con ese alfabeto limitado e os recursos dispoñibles, podemos crear infinitas combinacións dunha vida que se pareza a nós mesmos.
Raquel Sertaje





