Ourense celebra o Samaín con enigmas e tradicións galegas no claustro de San Francisco

O escape room «Noite Meiga» achega o patrimonio cultural galego ao alumnado de Secundaria, mentres que máis de 600 escolares de Primaria participarán en contacontos teatralizados.

O Concello de Ourense celebra esta semana o Samaín 2026 cunha programación de actividades educativas dirixidas ao alumnado de Primaria e Secundaria dos centros escolares da cidade. Entre as propostas destaca o escape room «Noite Meiga», que se desenvolve no claustro de San Francisco e no que a mocidade pode descubrir as tradicións galegas a través de xogos, enigmas e probas por equipos.

A concelleira de Educación, Tamara Silva, asistiu  á primeira sesión desta iniciativa, na que participaron escolares de 3º e 4º da ESO. A actividade combina lecer, aprendizaxe e cultura para achegar o alumnado ao universo simbólico de Galicia e ao seu patrimonio inmaterial dun xeito participativo e orixinal.

O claustro de San Francisco acolleu durante a mañá estudantes dos colexios CPR Luis Vives e Guillelme Brown, distribuídos en dúas sesións. Ao longo desta semana, a iniciativa continuará coa participación de dous grupos do CPR Santa Teresa e doutros dous centros educativos: Padre Feijóo e Cardenal Cisneros.

Contacontos de medo para máis de 600 escolares
A programación municipal complétase coa actividade «Ímolo pasar de medo», un contacontos teatralizado dirixido ao alumnado de 3º e 4º de Primaria. A compañía Trécola Teatro será a encargada de representar esta proposta nos salóns de actos dos propios centros educativos.

A través de diferentes personaxes e historias, máis de 600 escolares coñecerán a orixe e as particularidades do Samaín en Galicia, nunha actividade que busca achegar a tradición popular ás novas xeracións mediante o teatro e a narración oral.

Participarán nesta iniciativa os colexios CEIP Irmáns Villar, Curros Enríquez, Prácticas, Albino Núñez, O Couto, Vistafermosa, Mestre Vide e Amadeo Barroso.