Acondicionaranse en total 13 travesías urbanas de titularidade autonómica.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou a avenida de Zamora para comprobar o avance dos traballos de mellora que se están a executar nesta vía urbana, de titularidade autonómica.
Acompañado por técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, Pardo explicou que a intervención inclúe diferentes actuacións para mellorar a accesibilidade e o estado de conservación da avenida.
Entre os traballos previstos figura a instalación de baldosas podotáctiles nos pasos de peóns, a substitución de plaquetas soltas ou rotas e a reparación de bordos deteriorados. Ademais, ampliarase a beirarrúa nas proximidades dalgúns pasos peonís para mellorar a súa visibilidade e construirase un novo tramo na marxe dereita, entre a rúa Marie Curie e o paso de peóns anterior á praza do Santo Cristo.
No relativo ao firme, a actuación contempla o fresado e a reposición dos tramos máis deteriorados, así como a extensión dunha nova capa de rodadura con mestura bituminosa en quente en toda a avenida. Unha vez rematados estes traballos, renovarase a sinalización horizontal mediante o pintado das marcas viarias.
Durante a visita, o delegado destacou a importancia da conservación das estradas autonómicas para garantir a vertebración territorial e avanzar na mellora das comunicacións.
Esta intervención forma parte do proxecto impulsado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para acondicionar 13 travesías urbanas de titularidade autonómica na cidade de Ourense, entre as que se atopan as rúas Progreso, Río Arnoia, Emilia Pardo Bazán, Coruña, Sáenz Díez, Bispo Lourenzo e Isaac Piñeiro Varela, entre outras.
O plan inclúe tamén actuacións en vías como a avenida de Bos Aires, a avenida de Ponferrada e a propia avenida de Zamora.





