No que vai de tempada xa se rexistraron máis de 24.000 esquiadores.
A estación de montaña de Manzaneda é un reclamo para os amantes do deporte de inverno. No que levamos de tempada, que aínda non rematou, as cifras elévanse ata as 24.000 persoas que foron a esquiar á única estación que temos na comunidade galega. Ademais, a esta cifra, cabe engadir, a máis de 11.000 visitantes que aínda que non practicaron esquí, si que colleron a telecadeira, o que dá unha idea do que está sendo esta tempada de inverno, que desde a propia estación a califican de «boa»; a pesar de que durante algo máis de 20 días non puideron abrir as pistas debido ás rachas de vento (e con moi neve). Con todo, os números falan por sí sós e indican unha grande recuperación despois de verse afectada a zona pola vaga de lumes do pasado verán que calcinaron o 90% da masa forestal da zona.
Estas cifras, tanto de esquiadores como de visitantes poñen de manifesto o atractivo de Manzaneda non só para a práctica do esquí, senón tamén como espazo de lecer, natureza e turismo familiar, mesmo en xornadas nas que non foi posible a actividade esquiable.
Ocupación
En canto á ocupación nos apartamentos durante as fins de semana foi do 100%; os 32 apartamentos cos que conta a estación colgaban o cartel de cheo. Ademais, na época do Nadal tamén foi das mellores con picos nas datas máis sinaladas (Noiteboa, Fin de Ano, Aninovo, etc.) sendo estas estadías dun marcado caracter familiar. Pola semana, con cifras, loxicamente menores, tamén foron moi boas.
Segundo apuntou o director de Turismo da Xunta de Galicia, Xosé Merelles, os rexistros deste período supoñen un impulso moi importante para toda a tempada ao tempo que reforzan a estratexia da Xunta no que atinxe á diversificación da oferta, impulsando Galicia en xeral, e Ourense, en particular, como destino de inverno. Ademais, “favorecen a consolidación de Manzaneda como destino de montaña os 365 días do ano, con impacto directo na economía local e comarcal”.
Desestacionalización
Por que a estación de montaña de Manzaneda non é unha simple estación de esquí que funciona soamente na tempada invernal. De feito, xa están preparando todo para ter unha atractiva oferta de cara á primavera e o verán. Tal é a demanda, que xa pasaron polas súas instalacións centos de rapaces e grupos que se quedan dous tres días para utilizar infraestruturas e actividades tales como a piscina, o spa, o parque de multiaventuras, o rocódromo, xogos tradicionais, Slackline, Bipark júnior, ou mesmo realizar rutas de senderismo.
Visitantes
Que duda cabe que Galicia é a comunidade que máis xente atrae a Manzaneda, pero non só se nutre de galegos. Tamén chegan de Castela e León e Asturias. Mención aparte para os nosos veciños os portugueses, que desde que se teñen feito campañas no país veciño, cada vez son máis os lusos que queren gozar de todo o que ofrece Manzaneda.
Cada ano son máis o número de persoas que cruzan a fronteira, pero este ano o salto foi cuantitativo, chegando a estar máis de 500 portugueses nunha soa xornada.






