O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, visitou unha delas.
O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, visitou no Concello de Ramirás, acompañado da súa alcaldesa, Isabel Gil, a panadería Panalen S.C., unha das sete entidades ourensás beneficiadas na convocatoria do ano 2025 dos Bonos Talento Empresa, na que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou un importe total de máis de 150.000 euros, para poñer en marcha 14 accións formativas non regradas e de curta duración a demanda das necesidades particulares de cada empresa.
O delegado territorial explicou que esta iniciativa da Xunta ten como obxectivo mellorar os coñecementos e competencias do seus cadros de persoal, co foco nos ámbitos dixital, industrial, de xestión, de servizos persoais e a clientes e de tecnoloxías limpas e eficientes no uso de recursos. No caso desta empresa recibiu 25.000 euros para o desenvolvemento dun curso de 80 horas no ámbito dixital dirixido a 14 alumnos, que consistiu na introdución de tecnoloxía especializada en intolerancias no ámbito local da panadería.
Manuel Pardo detallou que os proxectos formativos —de modalidade presencial e compostos por un máximo de tres accións, cada unha de entre 16 e 100 horas poden adaptarse no relativo a contidos, programas, persoal docente ou lugar de celebración segundo as necesidades concretas de cada solicitante. Deste xeito, preténdese que as empresas dean resposta áxil e flexible a unha contorna laboral de cambios cada vez máis rápidos, especialmente no contexto da dobre transición dixital e verde.
Durante a estancia nas instalacións desta empresa, o representante do Goberno galego destacou que mediante Bonos Talento Empresa, a Xunta consolida o seu impulso a novas vías de formación apostando por aprendizaxes breves e flexibles que faciliten unha adaptación rápida ás novas esixencias do mercado laboral, considerando absolutamente estratéxico flexibilizar a formación para o emprego e atender a dous propósitos fundamentais: atender ás necesidades específicas das empresas galegas e reforzar as competencias e habilidades dos seus traballadores, promovendo a recualificación e a reciclaxe continua.





