O festival EmularT de Sobrado do Bispo trae este verán 13 propostas

Trátase da terceira edición do proxecto, que ofrece concertos de música clásica, tradicional ou jazz, ademais de proxeccións de filmes, exposicións ou obradoiros.

O Concello de Barbadás colabora un ano máis no festival EmularT de Sobrado do Bispo, unha iniciativa que alcanza a súa terceira edición cunha variada programación cultural. A cita, impulsada pola propia veciñanza da parroquia, arranca o próximo venres 10 de xullo e remata o sábado 18. “A veciñanza desfrutará dun total de 13 actividades que non só se celebran en Sobrado, senón tamén no núcleo de Barbadás”, detallou  Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, na presentación do festival. Así, por primeira vez, o EmularT sae de Sobrado e fai parada no Museo da Gaita de Fole de Barbadás.

Valcárcel puxo en valor a iniciativa cultural, da que cada ano desfrutan tanto veciños e veciñas como visitantes. “Desde o Concello apostamos pola actividade cultural aquí, no rural, onde tamén hai inquedanza artística. Ademais, en Sobrado hai unha longa tradición cultural que tamén queremos destacar”, sinalou. Pola súa parte, José Manuel Morgade, concelleiro de Cultura, agradeceu o “gran traballo” da organización, así como a expansión da programación máis alá de Sobrado. “Por parte do Concello tedes o noso apoio total de cara a futuras edicións que agardamos que veñan”, apuntou.

Unha programación moi variada
Rafael Yebra, director artístico do festival, agradeceu a colaboración do Concello de Barbadás e destacou o camiño percorrido nos últimos tres anos. “Vemos como vai medrando ano a ano pola consistencia das persoas que traballan arredor do proxecto, polo apoio que recibimos e pola diversidade da oferta. É vital dar a coñecer as posibilidades que se poden desenvolver no ámbito rural”, asegurou.

Yebra detallou a programación, que inclúe propostas para todos os gustos. “A oferta de música é amplísima, con música clásica, música de cámara, solistas, sinfónica, pop rock ou jazz, e tamén teremos exposicións de pintura ou escultura”, indicou. Tamén se referiu á variedade de obradoiros, pensados para fomentar a inquedanza artística en veciños e veciñas de todas as idades.
O EmularT arranca o venres 10 de xullo, ás 20,00 horas, coa actuación da Banda de Gaitas e Escola Nova Fronteira no Parque do Fidalguiño. Ás 22,30 horas, haberá a proxección da película “Rondallas”, tamén no parque.

Xa o sábado, día 11 de xullo, a igrexa de Sobrado acollerá ás 21,00 horas o concerto de música clásica do Cuarteto de Corda “Dumka”. O domingo, 12 de xullo, actuarán as cantareiras e pandereteiras de Vagalumes na Praza de San Xoán ás 12,00 horas. Pola tarde, ás 21,00 horas, o cómico Xavier Vieiras ofrecerá un monólogo no Bar Nani.
O luns, 13 de xullo, ás 20,00 horas, o público desfrutará do concerto de música clásica-jazz con Zukhra Zeingaliyeva e Oswaldo Oro no Museo da Gaita de Fole de Barbadás. Ao día seguinte, ás 19,00 horas, terá lugar o concerto do Trio Rousinol + Mid Sound na igrexa de Sobrado.
Xa o mércores, día 15, toca teatro coa compañía “A Run Run”, quen actuará a partir das 19,00 horas no Campo do Carril. O xoves, día 16, ás 22,00 horas, haberá proxección de curtametraxes a cargo de Zinemusik Produccións no Museo da Gaita de Fole.

O venres, 17 de xullo, será a quenda de Somoza Trio, que actuará no Parque do Fidalguiño ás 21,00 horas. A Xove Orquestra Ourensanía, acompañada de María Mendoza e Rafael Yebra, porá o punto e final á programación musical co seu concerto do sábado 18 ás 20,00 horas.
Por outra banda, do 10 ao 18 de xullo poderanse visitar as exposicións de Gravados de Leonardo Rial e Xan Leiras; esculturas de Andrés Conde e José López; pinturas de Pilar Seara e Diana Moreda, e arte popular con Encarna García y Carmen Seara no local multiusos da rúa Xisterna e no local da Antiga Escola. Ademais, do 13 ao 18 haberá obradoiros de arte urbano contemporáneo con Antón Seoane na Praza Acha do Souto e de gravado, escultura en madera, pintura e graffiti no local social do Fidalguiño.