«Temos actividades todos os meses, temos unhas máis pequenas que outras e a que máis funciona é a campaña dos 6000»

Entrevista a Esther Gómez Álvarez, presidenta da Asociación de Empresarios de Verín – Aever

Aever organiza a primeira gala do comercio que terá lugar no Auditorio de Verín o venres 2 de outubro, a partir das 21.00 horas.

A piques de cumprir un ano a cargo de Aever, a Asociación de Empresarios de Verín, Esther Gómez encara esta nova etapa coas ideas claras e con ganas de poñer ao comercio local no lugar que considera que lle corresponde. Desde a súa chegada á presidencia, asumiu o reto de dar maior visibilidade aos negocios de proximidade, defender os seus intereses e reforzar o papel que desempeñan na vida económica e social de Verín. Con ese horizonte, Gómez fai balance dos seus primeiros meses a cargo da asociación e repasa os retos que ten por diante un sector que reclama atención, apoio e, sobre todo, que se recoñeza o seu valor.

Cando asumiches a presidencia de Aever, cales eran os teus retos?
Esther Gómez: «Ben, moitas cousas, queriamos sobre todo cambiar un pouco o estado de ánimo dos comerciantes e dos clientes. Estamos nun momento que está todo cambiando e os ánimos non eran os mellores e queremos aos poucos ir cambiando iso, volver ter o orgullo de pertencer a un sector como é o comercio, tan importante en Verín e que os clientes teñan tamén esa ilusión de ir comprar aos nosos negocios».

E estase notando ese cambio?
E.G.: «Eu creo que si. Notámolo moito cando fixemos o de «desetoca», que é unha feira de stock que fixemos, que fixemos en hai unhas semanas, en agosto. Tivemos unha moi boa aceptación da clientela. Estaba todo o mundo moi contento e déronnos os parabéns pola iniciativa, por ter unha actividade que facer o domingo, por achegar os comercios á xente e polos prezos, sobre todo: a xente estaban encantadísimas».

Ademais desta actividade, ao longo do ano organizades moitos eventos. Cales son esas actividades e cal é a de maior reclamo?
E.G.: «Temos actividades todos os meses, temos unhas máis pequenas que outras e a que máis funciona é a campaña dos 6000. Lévase facendo desde os últimos seis anos e é un sorteo de cheques para gastar no comercio local de 2000 euros, de 1000, de 500; a verdade que é unha tolemia e a xente está moi implicada nesta iniciativa. A xente pide os formularios e ve o sorteo que se fai dos cheques, e como é no Nadal, o viven como se fora o sorteo da Lotería de Nadal».

Á hora de mercar, o sistema está cambiando moito, entendo que Verín non é allea a este paradigma.
E.G.: «O xeito de comprar está a cambiar e Aever non é alleo. Nós, o comercio local, intentamos seguir apostando polo polo comercio, pola venda de ti a ti, que a xente siga entrando nas tendas, pero si que é certo que ao mesmo tempo estamos a intentar fomentar un pouco a venda en liña. Cada un no seu negocio decide poñer a tenda en liña ou non. Tamén temos unha plataforma de todo o comercio, que é conxunta, no que a xente pode preguntar se estás a buscar un produto e non sabes onde ir; chámase o próximo».

A Xunta está valorando a Aever porque será unha das sedes da primeira gala Premios Comercio en octubre.
E.G.: «Pois iso é un orgullo, porque é iso. En Galicia son 57 os centros comerciais e estamos entre os 5 primeiros que elixiu a Xunta. Iso é un traballo de moitos anos que se leva facendo por parte da Asociación de Comerciantes e por parte tamén dos comerciantes, porque ao final, sen a axuda dos comerciantes, nós non podemos facer a metade das cousas».

Cóntanos un pouco como vai ser a gala?
E.G.: «A gala vai ser unha entrega de premios na que queremos premiar aos comerciantes e á remuda xeracional, imos ter un premio honorífico a alguén que represente o comercio de Verín e ademais tamén imos ter premios para os clientes: vanse sortear dous cruceiros. Comezamos a campaña dos rascas onde teremos premios directos, o os cruceiros serán por sorteo que se fará na gala do 2 de outubro. Ademis contaremos con actuacións musicais».