Entrevista a Anxo Varela e Lúa Carballo, creadores de Pruden Tattoo.
Podes ver as dúas páxinas de entrevista e botarte atrás para lela. Pero se aceptas unha recomendación: séntate, le e goza destes dous mozos, Anxo Varela e Lúa Carballo, e verás o retrato de dúas persoas que se fixeron a si mesmas desde a partir da súa paixón. O que te agarda ata o final destas liñas non é un simple cuestionario, é coñecer un pouco máis da vida duns artistas ourensáns que a través da arte da tatuaxe fixeron unha identidade propia, que a levan ata calquera parte do mundo ou á inversa, dende calquera parte do mundo veñen ata eles na procura dunha mirada artística única.
Como nace e que é Pruden Tattoo?
Anxo: «Nace pola necesidade de gañarse a vida dalgunha maneira e polo gusto polos tattoos e o debuxo en xeral. Naceu tras unha decisión moi clara e intencionada. Non foi algo que fixeramos por probar. E a verdade é que sobreviviu porque insistimos con determinación cando non era tan doado como nos gustaría.
Pruden Tattoo é basicamente o nome tras o que traballamos Anxo Varela e Lúa Carballo. Pruden ven do nome co que me coñecían a min (Anxo) gran parte das miñas amizades incluso antes de tatuar. E o de tattoo porque era o que facía basicamente nun primeiro momento, no que Pruden era eu só tatuando mentras que Lúa estaba currando noutros sectores. Mantemos ese nome porque cremos que é máis intelixente mantelo que cambialo.
Hoxe en día somos un equipo de dúas persoas ao mesmo nivel no que practicamente os dous facemos de todo de maneira orgánica e fluída. Tattoos, roupa e láminas para a nosa tenda online, deseños e ilustracións para proxectos de marcas, festivais ou negocios diferentes”.
Cales foron as maiores dificultades ao empezar?
Lúa: «Pois probablemente que ao comezo o que nós facíamos tiña máis tirón fora que aquí no país. O que por outra banda tamén foi un aliciente a viaxar máis. Por sorte hoxe en día isto cambiou, por tendencias ou polo que sexa, e traballamos tan ben aquí na casa como no resto de Europa.
Tamén o diñeiro foi unha dificultade xa que tanto o tattoo como o deseño requiren unha inversión considerable e todo isto conlevou un esforzo grande para sair adiante. Tanto tendo que traballar noutras cousas como ademais contando con axuda e apoio familiar en momentos concretos. Cousa da que nos sentimos moi afortunadas».
Lembrades a vosa primeira tatuaxe profesional?
Anxo: «A verdade é que non, porque antes de comezar a traballar en estudo xa probara a tatuar a amigos e xente coñecida e claro, ao final pasan os anos e lembras máis algúns tattoos concretos que facía ao comezo, ou outros que por algún motivo se che quedaron na memoria. Pero é que en realidade teño moi mala memoria e se me esquecen este tipo de cousas. O que si sei é que foi en Ourense e que probablemente estaba moi nervioso».
Despois diso traballastes en distintos países europeos. Como xurdiu a oportunidade de tatuar fóra?
Anxo: «Creo que sinxelamente era necesario daquelas. E tamén porque no momento no que comezamos a rodar cas redes sociais máis en serio tamén apareceron oportunidades fóra. Tanto estudos que se interesaban polo que facías como clientes potenciais que escribían dende Suíza ou Alemaña. Vas coñecendo xente e creando a túa rede de contactos».
Lúa: «A oportunidade xorde tamén por facer algo diferente a nivel estilístico. É unha opción máis arriscada e tamén exixente. Pero a largo prazo, facer algo distinto tamén é algo que che beneficia. Aínda que é difcil de conseguilo, por suposto».
Anxo: «Ten a súa lóxica: se facemos un estilo que é suficientemente bó e chamativo para que alguen queira telo tatuado no seu corpo, tamén creamos unha necesidade. E esa necesidade, ao ser a dun estilo tan concreto, unicamente pode ser suplida por nós. Creo que o estilo é moi específico e diferente, nin mellor nin peor pero si chamativo, e eso para nós marca a diferenza».
Que vos achegou profesional e persoalmente esa experiencia internacional?
Lúa: «Viaxar, coñecer outros lugares e outras maneiras de vivir e sobre todo coñecer a xente fantástica que hoxe en día podemos chamar amigos.
Hai algunhas cidades ás que vamos a traballar catro ou cinco veces ao ano e a verdade é que ao final sinteste como na casa. Vas a tomar algo aos mesmos sitios e mesmo cear nalgúns restaurantes convírtese nunha tradición.
A nivel profesional ao final coñeces a artistas moi interesantes, distintas maneiras de traballar e cando tes dubidas ou necesitas información tes a moita xente á quen lle preguntar.
Ademais, traballar tanto fóra fai que practicamente teñamos a mesma visibilidade en Alemaña, por exemplo, que aquí en Galiza. Ao final esto fai que teñamos máis mercados abertos e o que comezou unicamente como visitas para tatuar acaba convertíndose en colaboracións con marcas, museos ou proxectos de deseño para distintos tipo de empresa, dende unha pizzería de Suecia a unha empresa de viños de Francia”.
Que diferenzas atopades entre a escena da tatuaxe en España e a doutros países?
Anxo: «Se cadra o principal que observamos é que alí a xente sinxelamente se tatua moito máis que aquí. Hai moito coleccionista de tattoos de artistas concretos e ao mellor a cultura de tattoo é un pouco máis complexa, profunda e variada. O cal por outra banda tamén é comprensible dende o punto de vista de que alí hai moita máis xente maior con tatuaxes. Avós, e pais e nais con tattoos o cal tamén pode afectar á tolerancia social co tema das tatuaxes e a aceptación dos tattoos en xeral tanto no seo da súa familia como no resto da sociedade.
E outro punto de vista fundamental é o poder adquisitivo. O tattoo é un luxo e como luxo é algo prescindible. Aquí a xente ten que escoller e ser máis selectiva sobre en que gasta os seus cuartos».
Lembrades algunha anécdota especialmente significativa desas viaxes?
Anxo: «Como calquera persoa que viaxa a miúdo, penso que nos ten pasado de todo. Se ademais viaxas por traballo as posibilidades e o estrés aumentan exponencialmente. Dende perder conexións de tren por ameaza de bomba, acabar a noite nun hospital por un accidente de tráfico, confundirte de aeroporto en Frankfurt e que che acabe axudando un señor de Chantada que está alí emigrado. Ou mesmo unha vez no sur de Francia que recollimos no coche a unha parella alemá duns 20 anos que estaba desesperada porque o autobus no que viaxaban marchara da gasolineira sen eles e con todas as súas pertenenzas dentro. Aínda lembro ao pobre rapaz facéndolle sinais ao conductor mentras intentábamos non perder de vista o autobús na sempre estresante périphérique de París.
Aínda que nos queixamos moito cando nos pasan cousas, eu a veces lémbrome duns rapaces africanos máis mozos ca mín que me atopei na estación de Lille e que buscaban angustiosamente información sobre como chegar ao Paso de Calais sen que ninguén os axudase. E entón volvo a poñer os pés na terra e me sinto afortunado da miña situación».
Lúa: «A mín unha das cousas que máis me sorprenden son as persoas que viaxan incluso máis horas ca nós para chegar a cidade na que estamos traballando. Tivemos a un rapaz de Nova Iork que veu ata Munich e a un bastante xoven que veu cos pais en coche dende Lubeck, ao norte de Alemaña, ata Colonia para tatuarse».
Pódese desenvolver unha carreira internacional desde Ourense?
Lúa: «Si, por suposto. Porque non? Hai a un montón de nómadas dixitais movéndose por todo o mundo con todo o que iso conleva. Por suposto que un pode quedar a vivir na súa cidade de sempre e traballar dende alí. Pero claro, estamos falando dun negocio moi concreto. Ademais aquí en Ourense xa viñeron a tatuarse xente de Australia, Xapón ou Estados Unidos».
O voso traballo ten unha personalidade moi recoñecible. Como atopastes a vosa linguaxe visual?
Anxo: «Debuxei moitísimo durante os primeiros anos. Creo que incluso demasiado. Ao final como quen di todo está dentro da cabeza e hai que desenredalo. E para iso hai que entrenar o ollo, educar o bo gusto e traballar cas mans. O esforzo estivo aí eu creo, pero tamén un pouco as casualidades axudaron cando buscamos dar en teclas concretas.
Por outra banda creo que ao ser dúas persoas que traballamos tan ben xuntas sempre aperecen boas ideas que poñer en común. Por exemplo, algo que me parece fundamental para a personalidade do noso traballo son as mensaxes que lanzamos a veces nos nosos traballos. E nese sentido é fundamental a aportación de Lúa e a súa capacidade para fiar ideas e conceptos sen caer nos slogans nin en temas xa trillados».
Lúa: «Tamén compramos moitísimos libros de arte nos últimos anos. Que parece que hoxe en día todo está en Pinterest e Google pero non. Mesturamos conceptos da arte, tanto da arte figurativa en xeral como de artistas galegos do pasado século. E cando vimos que había cousas que funcionaban creo que fumos suficientemente listas para velo.
Ao final tamén chega un punto onde desenvolves unha linguaxe visual propia porque ves como e a que responde o teu público e xa interiorizas dalgún xeito que pode funcionar e que non».
Que buscades transmitir cando alguén vos encarga unha peza? Como xestionades o equilibrio entre o que quere o cliente e a vosa proposta artística?
Anxo: «Se falamos de tattoo creo que teño a sorte de que practicamente sempre que alguén nos contacta para tatuarse sabe exactamente o que eu adoito facer e iso é o que quere para o seu tattoo. Por suposto, hai espazo para a personalización e eu sempre estou aberto a novas ideas. Pero direi que realmente ese equilibrio no meu caso é moi doado de conseguir».
Traballastes en ilustración, deseño gráfico, cartelería e outros formatos. Sentides máis tatuadores, artistas gráficos ou creadores visuais?
Lúa: «É unha pregunta complicada a verdade. Obviamente Anxo é tatuador pero é que polo resto movémonos entre varios campos e formatos distintos. A intención creo que é sempre a de ser creativos e manternos fieis ao estilo e a nós mesmos. A partir de aí nin escollemos etiqueta nin nos pechamos a facer cousas novas e diferentes».
Tamén presentastes traballos en certames e convocatorias artísticas. Que vos achega ese tipo de experiencias?
Anxo: «Foi unha experiencia interesante e que nunca fixeramos, se cadra porque vimos máis do mundo do tattoo que da ilustración. É algo moi interesante tamén a nivel reto. O máis chulo para nós neste sentido é o feedback da xente.
Pero agora con todo o tema da IA é máis complicado que antes. Sinceiramente, aproveito para dicir que se debería lexislar ao respecto e que canto menos aqueles eventos ou festivais que conten con investimento público ou sexan organizados directamente por institucións públicas teñan e a obrigación de contratar a artistas de verdade para os seus carteis.
Non me parece aceptable que co talento que hai na cidade de Ourense ou mesmo na EASD Antonio Failde haxa tantísimos carteis feitos por IA nesta provincia. E esto xa non o o digo por nós pero creo que a xente máis moza que está facendo deseño e ilustración necesita e merece estas oportunidades».
Que proxectos tedes actualmente entre mans?
Lúa: «Dalgúns deles non podemos falar polo de agora pero en xeral é un pouco a liña dos últimos anos. Por un lado seguimos sacando novo material na nosa tenda online. Temos varios proxectos en camiño para festivais ou coleccións de roupa. Agora mesmo estamos a piques de rematar unhas ilustracións para un bar de París e estamos tamén cos últimos detalles no deseño da portada do novo disco dunha banda de hardcore de Alemaña. Cousas variadas tanto aquí no país como no estranxeiro».
Como imaxinades Pruden Tattoo dentro de dez anos?
Anxo: «Eu teño 35 anos e levo dez sentíndome vello a verdade. Non me imaxino viaxando tanto como agora con 45 e supoño que nalgún momento, por moito que nos guste, iremos viaxando menos. Pero xa se sabe, igual en dez anos estamos viaxando aínda máis que agora ou incluso vivindo por aí.
Tamén estamos probando novos formatos como a cerámica e estou probando cousas básicas con animación. Así que quen sabe».
Lúa: «Cóstame moito pensar a futuro a verdade. Cando penso neste proxecto e na vida que levamos desexo que sinxelamente todo siga máis ou menos igual. Obviamente, quero seguir medrando creativa e profesionalmente sen pecharnos portas. Somos dúas persoas moi curiosas. E basicamente desexo que en dez anos sigamos traballando felizmente nisto».
Que vos segue ilusionando despois de tantos quilómetros, tatuaxes e proxectos?
Anxo: «A liberdade que nos proporciona traballar para nós mesmos, incluso con todo o estrés e as dores de cabeza que isto conleva. Mirar o calendario e poder escoller. Erguerme polas mañás e poder decidir que é o que quero facer aínda que o 90% das veces sexa porme a traballar. Hai moito curro detrás e unha gran dificultade para desconectar, pero isto non é a mina. Somos moi afortunados.
Tamén a alegría de saber que facemos suficiente para vivir traballando co que discurrimos ca nosa cabeza e o que deseñamos cas nosas mans, manténdonos coherentes (creo) cas cousas que pensamos e sentimos.
E tamén o feedback da xente. Isto só son tattoos, láminas e camisetas por así dicilo. Un traballo normal e nada doutro mundo. Pero cando ves a xente por aí ca túa roupa ou alguén que nos saúda porque coñece o noso traballo… sempre senta ben”.
Lúa: «A mín o que máis me segue ilusionando é que haxa xente que nos siga contactando para tatuarse, para facer a imaxe visual dun festival ou dun negocio ou para facer agasallos de cumpreanos. Sinxelamente, ilusiónanme as mesmas cousas do principio porque me sinto afortunada e orgullosa de que a xente aprecie e confíe no que facemos.
E ultimamente faime moita ilusión ver a moitas rapazas vestindo as camisetas que deseñei de Girls to the Front e Avisa ao chegar».






