A cita será o sábado 14 de maio, ás 19 horas na praza Maior de Ourense.

Unha converxencia das loitas de Ourense celebrará o 5º aniversario do 15M

Ourense é unha cidade con ampla traxectoria reivindicativa e política. O pobo ourensán soubo saír á rúa contra a guerra en numerosas ocasións, para reclamar os dereitos das traballadoras, contra os incendios  forestais, para berrar “nunca máis” e tamén por un campus digno.

Facéndose eco da chamada á converxencia nun encontro internacional de activistas que se está a celebrar este mes en París, o 15M de Ourense convoca este sábado 14 de maio na praza Maior, ás sete da tarde, a “unha converxencia de loitas”. Será “unha xornada de conversa e debate colectivo na que se fagan visibles as súas reivindicacións e esa ocasión para fortalecer os lazos entre movementos, colectivos e individuos que loitan contra a precarización das súas condicións laborais, vitais e sociais, contra a destrucción dos recursos naturais do noso planeta, contra os que poñen valor ás vidas e contra aqueles que favorecen os intereses privados en detrimento do interese público e xeral”.

Está confirmada a participación de 22 colectivos e plataformas da cidade, que terán a ocasión de explicar as súas experiencias e traballo e aportar alternativas para o futuro.

Deste xeito celebrarán tamén o quinto aniversario do movemento 15M.