Aspronaga, Obras Civiles del Atlántico, Centro Médico El Carmen, Canosa, Xerencia de Xestión Integrada da Coruña e a Cámara Municipal de Ponte de Lima foron os premiados deste ano.

Expourense entregou os VI Premios “Líderes en Calidade”

Con motivo da celebración do Día Mundial da Calidade 2016, Expourense entregou a sexta edición dos seus Premios “Líderes en Calidade” a empresas e institucións galegas recoñecidas por ser un modelo a seguir nos seus respectivos sectores e das que destaca o seu compromiso coa calidade e co medio ambiente.

No sector da alimentación foi premiada Frigoríficos de Camariñas – Canosa. Situada en Camariñas dispón na actualidade de dúas factorías coa máis moderna tecnoloxía e unha produción que supera os 6.000 palets ao ano de polbo. Unha das características da firma é que ademais fabrica os envases, como os pratos de plástico que van ao microondas no caso do polbo que xa vén cortado. Con este sistema conséguese moita máis rendibilidade, ademais de máis control da produción.

No sector sanitario resultou galardoada Centro Médico El Carmen, que leva coidando da saúde dos ourensáns desde 1949. A súa filosofía foi sempre a de ser pioneiros na instalación de tecnoloxías punta en Ourense e Galicia. Ofrece aos pacientes todas as especialidades, tanto en Consultas Externas como Hospitalización, Servizo de Urxencias, Unidade de Coidados Intensivos, etc. Esta dimensión máis ampla da atención sanitaria compleméntase coa adquisición de tecnoloxía médica, diagnóstica e terapéutica, ademais da incorporación dos máis prestixiosos profesionais para formar un equipo ao servizo das persoas.

No apartado de internacionalización, recolleu o premio o Grupo Oca – Obras Civiles del Atlántico.  Desde o inicio das súas operacións como grupo, a empresa foi evolucionando e diversificando os seus campos de actividade, tendo a día de hoxe unha forte especialización na construción chave en man de proxectos de infraestrutura industrial, especialmente os asociados á xeración de enerxía. A súa presenza internacional céntrase en Francia, Alxeria, Venezuela, Guatemala e Perú, co desenvolvemento de importantes proxectos.

No sector educación, recoñeceuse a Aspronaga, a Asociación Para as Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia, cuxo obxectivo educativo é proporcionar un servizo de calidade aos alumnos con necesidades educativas especiais asociadas á discapacidade intelectual e ás súas familias, desenvolvido con transparencia e sen ánimo de lucro, promover o apoio mutuo e a participación das familias e contribuír ao avance da inclusión educativa.

En canto ao medio ambiente, recoñeceuse o labor da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña, que conta cun sistema de comunicación e satisfacción de usuarios realmente eficiente, que lle permite coñecer a opinión e estado de satisfacción dos usuarios en todo momento sobre os servizos prestados.

Como novidade nesta edición entregouse un Premio Especial á Cámara Municipal de Ponte de Lima (Portugal), entidade coa que Expourense mantén estreitas relacións de cooperación transfronteiriza. Deste xeito recoñécese á innovación e o éxito da súa campaña turística “Em época baixa, Ponte de Lima en alta”.

A xornada comprendeu unha presentación de cada empresa ou institución distinguida sobre a súa experiencia ao incorporar a calidade e o medio ambiente ao seu modelo de xestión. Con esta acción, o Padroado de Expourense pretende contribuir a poñer en valor o esforzo das organizacións que se dotan de sistemas que lles permiten competir mundialmente,  independentemente da súa dimensión, e que poden servir de modelo a outras empresas.