O Concello de Ourense colaborará tamén nunhas xornadas culturais para poñer en valor e dar a coñecer a obra de Vázquez-Gulías na cidade.

O alcalde de Ourense propón a incoación  dun expediente de honra a Daniel Vázquez-Gulías

O Concello de Ourense saldará a débeda moral que a cidade tiña con Daniel Vázquez-Gulías e proporá a incoación dun expediente de honra para recoñecer a figura e o legado do arquitecto ourensán (nado en Beariz).

Así llo comunicou onte o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, aos membros da directiva da Fundación Vázquez-Gulías. Asimesmo, a fundación tamén remitirá diversas peticións neste senso remitidas por diferentes colectivos para fundamentar este expediente. Deste xeito, en virtude do artigo 20.1 do Regulamento de Honores do Concello de Ourense, o alcalde propón a incoación do expediente de honra. Este expediente conlevará unhas conclusións, que serán as que sexan votadas en pleno, e nelas se especificarán as honras adicadas ao arquitecto, co fin de poñer en valor o seu legado e devolverlle o esplendor modernista co que foi concebido.

Na reunión tamén se puxo de manifesto que o Concello de Ourense colaborará nunhas xornadas culturais para poñer en valor e dar a coñecer a obra de Vázquez-Gulías na cidade.

Son moitas as decenas de edificios que construíu en Ourense o arquitecto durante os primeiros anos do século XX. Algunhas mantéñense en pé, con exemplos situados na avenida de Pontevedra, o Santo Ángel, o palco da Alameda, ou na rúa do Paseo, e son transitadas cada día por persoas que non saben quen debuxou os planos dos pisos e escaleiras que percorren. Moitos edificios -o Hotel Roma ou a Casa de Baños son un bo exemplo- viven só na memoria colectiva e gráfica.

“Ourense tiña unha débeda histórica, cultural e moral con Daniel Vázquez-Gulías, e coa apertura deste expediente de honra a cidade pretende devolverlle ao arquitecto unha parte do esplendor que a súa obra lle deu á nosa cidade”, sinalou o alcalde, Jesús Vázquez.