Unha vez comezado co pertardazo, 4 de febreiro, e o Domingo Fereleiro, a actividade continuará ata entrado marzo.

Programa do Entroido de Xinzo

Un dos Entroidos máis longos é o que se vivirá en Xinzo de Limia. O sábado 4 de febreiro deu o pistoletazo co petardazo na praza Carlos Casares. E o domingo continuou co Fareleiro, onde a fariña foi a protagonista na praza Maior.

Para este sábado 11 de febreiro tócalle o turno ao “Colgamento do meco” coa actuación de Pelepau ás 22.30 horas. Ao día seguinte, o Domingo Oleiro. Ás 12:30 h desfile do carro das olas; ás 13 oleiro infantil; de novo o desfile do carro previo ao oleiro sénior que terá lugar a partir das cinco da tarde.

Para a seguinte fin de semana (a do 18 e 19 de febreiro) celebrarase a Noite Corredoiro (sábado) e o Domingo Corredoiro: as pantallas percorrerán as rúas e prazas da vila por primeira vez neste Entroido.

O venres 24 estará adicado aos máis cativos, con desfiles e espectáculos; o desfile contará con 1.800 escolares. E xa chegan os días grandes.

Desde o sábado 25 e ata o martes 28 de febreiro, troula desde mediodía ata a noitiña con actuacións de varios grupos. O martes será o día grande coa celebración do Desfile a partir das 17:30 horas polas rúas da vila limiá.

Remata o segundo mes do ano e a luz do Entroido irase apagando, pero lentamente por que aínda haberá máis actividade. Así, o día 1 será o Enterro da Sardiña a partir das oito da tarde. E xa o domingo 5 pechará o mes de disfraces o Domingo de Piñata con actuacións de charangas  durante todo o día e xogos populares.