O responsable da área social do Goberno galego sinalou que foi o entendemento entre administracións o que fixo posible a apertura o pasado mes de decembro desta instalación despois de anos de espera.

Rey Varela visitou o centro de día de Maceda

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou o novo centro de día de Maceda, que entrou en funcionamento en decembro do ano pasado tras o convenio asinado co concello ourensá para garantir  o seu correcto funcionamento e mantemento. Rey Varela sinalou que a apertura desta nova instalación “supón un impulso aos servizos sociais de Maceda e dos concellos próximos”, que tamén poden derivar usuarios.

O responsable da área social do Goberno galego insistiu na importancia da colaboración entre administracións para mellorar a atención ás persoas, apuntando que foi precisamente ese entendemento o que fixo posible a posta en marcha deste centro de día despois de anos de espera. “Seguiremos apostando polo diálogo e a colaboración cos concellos e outras administracións porque a cuestión de fondo non é delimitar competencias nin o seu financiamento senón prestar o mellor servizo, neste caso aos nosos maiores”, manifestou.

Ademais, o conselleiro subliñou o reforzo do servizo de coidados a persoas dependentes no entorno familiar, ao incrementar nun 21% as horas dispoñibles. Así, a Xunta vén de aumentar en 220 horas mensuais o Servizo de Axuda no Fogar neste municipio ourensán, o que supón 2640 horas máis ao ano.

O centro de día de Maceda ten unha capacidade máxima de 60 prazas, ofertándose a metade nesta primeira fase da súa entrada en servizo. Investiuse un total de 1,1 millóns de euros nesta infraestrutura destinada a espazo de socialización das persoas maiores, para a promoción da autonomía persoal das mesmas e con finalidade preventiva e de rehabilitación.

O responsable da área social do Goberno galego estivo acompañado durante a visita pola delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, polo xerente do Consorcio Galego de Igualdade e de Benestar, Perfecto Rodríguez, así como polo alcalde de Maceda, Rubén Quintas.