Previamente declararase como ben de interese cultural.

A Xunta tramitará este ano a petición da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou o inicio neste verán dos trámites para declarar a Ribeira Sacra ben de interese cultural, como paso previo para convertela en Patrimonio da Humanidade.

Durante unha visita ao mosteiro de San Pedro e Rocas, Feijóo explicou que a Ribeira Sacra contará coas máximas garantías de protección desde o comezo dos trámites do proceso. E trasladou a confianza na responsabilidade e no compromiso de todas as administracións implicadas para acadar o éxito neste obxectivo. Non en van, toda a Ribeira Sacra abarca 21 concellos pertencentes a dúas provincias, máis de 36.000 ha de terreo e máis de 200.000 parcelas

Así mesmo, afirmou que este ano a Xunta remitira á Unesco a documentación necesaria para que a Ribeira Sacra inicie a súa andaina cara a formar parte do Patrimonio da Humanidade, subliñando que esta declaración suporá unha importante revitalización económica e social para a zona.

O responsable do Executivo autonómico lembrou que, na actualidade, Galicia ten máis bens recoñecidos como Patrimonio da Humanidade que 21 países europeos. Conta coa Muralla de Lugo, patrimonio desde 2000, coa Torre de Hércules, desde 2009, e os camiños do norte, que gañaron o título en 2015. Estes patrimonios da humanidade sumáronse aos dous que xa tiña a Comunidade: o Camiño Francés e o centro histórico de Santiago de Compostela.

No tocante ao mosteiro de San Pedro de Rocas, o mosteiro máis antigo de Galicia, Feijóo asegurou que, logo da intervención realizada o pasado ano no conxunto mural, a Xunta iniciará o traballo para protexer a sala que alberga as valiosas pinturas murais e tamén racionalizará as visitas ao monumento.