Xinzo de Limia celebra as Festas de Santa Mariña

O Concello de Xinzo de Limia ten programada para todo este verán unha ampla oferta para o ocio e tempo libre  na que destaca a música e os eventos para os máis cativos. O momento máis álxido será esta mesma fin de semana coas festas de Santa Mariña, que se celebran do 14 ao 18 de xullo.

O venres, 14 de xullo chega a festa da escuma, na alameda do Toural a partir das 19 horas. Ás 21 horas a agrupación musical da Limia “Chikiband” ofrece un concerto na praza de San Roque. Dúas horas máis tarde (23 horas), animación cubana a cargo de Carlos Tarafa na praza de Oriente.
O sábado 15 terá lugar o defile de bandas de gaitas que precederá ao III Festival de Gaitas no que estarán presentes formacións locais xunto a outras de lugares como Asturias e Portugal.
O domingo 16 actuará a orquestra Miramar e o concerto do grupo Cuarteto improvisado. Ademais, o hipódromo de Antela acollerá a partir das 17:30 horas unha nova xornada de carreiras de cabalos.
Ao día seguinte (luns 17) subiranse ao escenario o Combo Dominicano e Nebraska, ademais haberá inchables acuáticos de 16:30 a 18:30 horas na piscina municipal. O martes día 18 actuarán Saudade e Graffitti. Pola mañá, ás 12 haberá misa e procesión desde a igrexa vella ata a igrexa nova. A alameda do Toural será a sede (ás 18 horas) da celebración do III Torneo da Chave “Manolo Santana”.
Durante todos os días, charangas e pasarrúas non faltarán á cita.

Programación infantil
Desde o pasado 8 de xullo e ata o 12 de agosto, o Concello de Xinzo organiza todos os sábados un espectáculo infantil na rúa que dará comezo ás 20:30 horas. Durante os días das festas as funcións terán lugar tamén o resto da semana.
Así, este sábado 15 tócalle a quenda ao teatro coa obra “O home maneco”. A programación infantil en festas completarase coa música de Paco Nogueiras (domingo 16) e de AMDL + Odayco (luns 17); e coa máxia do Mago Martín (martes 18).
Logo continuará o programa cada sábado. O día 22, a obra de teatro “As mil e unha noites”, de Gazafellos; o día 29, o Mago J. Muro con “Sintonía máxica”. Para agosto quedarán o día 5, tarde de contacontos con Raquel Queizás que chegará con “Cocorocó”; e o día 12, tarde de troula con Animar-T, para bailar un pouco.

Fax
O Concello recupera este verán o FAX (Festival Alternativo de Xinzo) para o día 5 de agosto. Na alameda do Toural (con apertura de portas ás 20:30 horas) actuarán Ses, Eladio y los seres queridos (presentando Cantares); Coanhadeira; e Habitación Vudú. As entradas estarán á venda en ataquilla.com (o 30% do recadado irá destinado a axudar na compra dunha furgoneta para os rapaces de Limisi Diversidade Funcional.