As Andrómenas e outros contos
Para manter unha vaca abonda cos comareiros. Podes levala co bozo para que non merende da horta e ceibala do aparello cando deveza, famenta polas berzas que serán, máis tarde, a alma dos porcos: touciño, xamón ou chourizos, segundo o Señor o dispoña. A vaca, sempre pola corda, pastará a herba verde que medrou no comareiro, respectando, co medo ao vergallo, os repolos, as leitugas, as coles e os nabos, gardados para cebar os porcos, para refrescar a gorxa e baixar o sal do xamón curado no bocadiño das once, nos veráns ardentes, cando o sol aperta e a suor da fronte espílese con dous dedos; fillo doutras berzas antergas, parentes nobres da nova horta da leira de Costoia.
Unha vaca a medias foi o capital co que comezaron meus pais. Non tiñan leiras, nin prados, nin facenda. Coas leitugas e outras herbas que, sen sementalas, nacían á beira dos camiños, estercadas moitas veces pola bosta das vacas dos ricos e polas cagalleiras do cabalo do cura, e coa navalla de cunchas nacaradas que lle regalara meu avó dos Muíños, a miña nai apañaba aquelas leitugas para ir criando o porco, fartura para todo o ano.
Porque, como dicía o pai, non hai pouco que, ben repartido, non chegue, nin moito que non se acabe. Na casiña de Doade, á sombra da miña nai, unha mociña rexa, afeita a traballar de día e de noite, trafegando sen descanso, nin sequera atopar pasto nos comareiros era doado; mais, cando a lareira ardía coas achas de carballo, un torresmiño no chuzo, un chouriciño envolto nunha berza, cociñado entre a borralla, un agarimo ao meniño naquel berce de pau que trouxeran de Ribas do Asneiro, un bico… e algo máis, todo aquel degoiro abondoso mudaba, coma un relampo, nunhas migallas de felicidade.
Os nabos ben lle viñan á Marela. Nin o nome lle cadraba, pois era máis ben unha Ratina, da cor dos ratos, como lle chamabamos no Asneiro ás vacas desa pelaxe. Carmiña, a miña querida nai, cociñaba no pote grande, colgado do garamelo, unha caldeirada de nabos adubada cunha presada de fariña de millo, para que dera bo leite e medrase ben o novo becerriño.
De cada dous cuxos, un era para o dono da media vaca. Daquela vaca que nunca mantivo, nin levou a pastar; nin lle fixo caldeiradas, nin lle buscou comareiros; nin lle foi por toxos ao monte para estrarlle a corte; nin pisou cos zocos os toxos, nin ripou a palla do palleiro para botarlla por riba e facerlle unha cama mainiña onde non se espiñara.
Cando a vaca tardaba en quedar preñada parecía cousa de meigas. Se a espera se alongaba moito, íase á meiga de Goiás, por se houbera algunha maldición ou mal de ollo; e, ao mesmo tempo, pregábanlle a San Antoniño, patrón do gando, e volvía levarse ao boi, que a segunda vez era de balde, por se fora culpa del, que non atinara.
—Ás veces, por culpa do rabo, non empreña a vaca —dicía mamá, tentando poñer un sorriso no medio de tanta mágoa.
Na casa dos pobres sempre empreñan as cadelas e abortan as vacas. O patrón da vaca a medias levaba sempre o primeiro cuxo, non fose que no seguinte a vaca non apañase.
-Os ricos son ricos por algo- dicía meu pai. Por dar, non dan nin as sobras. Pensan que van levar o pan que non repartiron para comelo no Alén.
Co paso dos anos vou dando en pensar que hai moitas castes de fame, e a fame de non ter non adoita ser a peor. Ás veces, a fame de agoirar por ter máis ca ninguén nin coas enchentas se amansa.
Por iso dicías, papá: -Deixa que os ricos presuman. É o único que os miserentos teñen. Que, por tanto ter, non dormen; pois que se ergan de noite e o coman. Eu, para min, hei ter abondo cun metro cúbico de terra no cemiterio do Cruceiro, mirando cara á Cruz das Misións. Os que de vivos non tiveron limpa a conciencia, de mortos deixan esmolas para que os curas digan responsos por eles. Pois, se non poden levar para o outro lado do río as riquezas dos hórreos grandes, a ver se polo menos os libra do purgatorio. Eles o ceo non o gañaron: en vida foron demos, ben merecentes do inferno.
Para manter unha vaca, agora, papá, xa non chega con levala aos comareiros. Hai que ter certificados, permisos dos gobernos, censala coma as persoas e ter da man o veterinario. Xa non podes beber o leite muxido mesmo do teto, pois teñen que analizar se o leite da vaca é leite de vaca. Agora as cousas xa non son porque existen: teñen que ter un permiso que o acredite. Pronto nos poñerán un imposto polas estrelas e farán quendas nas que haberá que pagar por velas.
Comareiros xa non hai, pois as aldeas quedan baleiras. Non hai nin as vellas tabernas para botarlle unhas cuncas, nin un subastado, un tute arrastrado. Pouco a pouco foron facendo que todo quedara a ermo. Os homes xa non nos xuntamos, nin falamos, nin cantamos, nin escoitamos andrómenas.
Como me gustaría, meu pai, que volveras unha tempada para comer contigo unhas talladas de polbo na feira da Golada, no Carballiño, en Lalín, cun bo viño do Ribeiro e augardente de Chantada; e cantar aquela cantiga do carballo da ribada, o da folla revirada, que lla revirou o aire nunha noite de xeada. E ti, torcendo o bigotiño, sorrirías e diríasme: -Chiquito, déixate de andrómenas, que non pasa nada. Xa sabes que nunca choveu sen que escampara.
Sempre haberá un comareiro onde manter unha vaca, lume nalgunha lareira e un anaco de broa ou un cacho de empanada para matar a fame e facer festa rachada.
Avelino Jácome






