Déixate de caralladas!

Cartas desde Copenhague.

Que bonito que o amor siga sendo unha forza revolucionaria.
Dá esperanza ver como as xeracións máis novas seguen abrazándose a unha idea de unidade que só pode nacer de valores que orbitan ao redor dese concepto transformador sobre o que descansan algunhas das maiores fazañas da humanidade.

Ás que xa temos uns anos, conmóvenos escoitar a Bad Bunny dicirlles a millóns de seguidores que o importante nesta vida é vivir o presente e querer todo o que poidamos. Todo un revolucionario. Por suposto, a armada de cínicos de Instagram —esa jauría de cans rabiosos sempre disposta a olfatear a incoherencia allea— sairá á carga para dicirche que semellante declaración é unha cursilada monumental pronunciada por un impostor que probablemente aprobase os mesmos cursos de feminismo avanzado que o teu cuñado Paco. Xa dicía a miña avoa que as comparacións son odiosas. Pero os cínicos seguirán nos seus trece. Diranche que o único real é a realidade —sempre puxando polas cimas máis elevadas da filosofía!—, mentres conseguen unha proeza case sobrenatural: poñerche os pelos de punta e, inmediatamente despois, anestesiarte ata incapacitarte para a acción. E todo antes do café de media mañá.

Porque ese é o gran triunfo do cinismo contemporáneo: convencerte de que todo está contaminado, de que toda causa é hipócrita, de que toda esperanza foi comprada e empaquetada para vender camisetas. Bad Bunny é, ao mesmo tempo, un dos maiores produtos do capitalismo global e un dos poucos fenómenos de masas capaces de colocar no centro palabras como comunidade, afecto ou identidade compartida. É unha contradición? Si. Pero non é só a súa. É a nosa. O capitalismo xa non combate as revolucións; absórbeas. Convérteas en estética, en marca, en contido. Pero iso non significa que todo estea baleiro. Significa que nos toca distinguir entre o envoltorio e aquilo que, a pesar de todo, segue sendo verdadeiro.

Nun mundo no que todo o coñecemento está a un clic de distancia, resulta paradoxal que a batalla máis importante para o futuro das nosas democracias sexa, precisamente, a loita pola verdade. O contexto non invita ao optimismo: Individualismo rampante. Impunidade. Manipulación deliberada dos feitos para adaptalos a intereses particulares. E, por encima de todo, un opinionismo permanente que imposibilita o debate substancial. Mentres nos distraemos con atuténticas bobadas en Tik Tok, esquecemos que o único que demostrou funcionar unha e outra vez ao longo da historia é que a unión fai a forza.

Pero xunto ás baleas azuis e a selva amazónica, a unión tamén parece estar en perigo de extinción. A impunidade das elites fai que desconfiemos cada vez máis e esgotémonos antes. Sobre todo porque, sen facer demasiado e a pesar dos horrores que nos rodean, parece que o sistema continúa funcionando só. Pero ningún sistema funcionou así xamais. Os sistemas funcionan porque alguén os sostén. E se aceptamos a ilusión de que se sosteñen sós, estaremos a render a nosa capacidade de transformalos.

Xunto ás contradicións capitalistas, chega unha pequena e refrescante película para un verán achicharrante —xa sabedes, no verán sempre fixo calor—. Obsession, de Curry Barker, é pura filosofía exprés do século XXI: un home canso de lidar coas súas frustracións descobre que conseguir exactamente aquilo que desexa non o conduce ao paraíso que imaxinaba. Sorpresa! Barker constrúe un inquietante retrato sobre as consecuencias de colocar os nosos desexos por encima de todo o demais. Porque cando convertemos os nosos anhelos no único criterio moral, outros pagan o prezo. E este prezo non é pouca cousa: A liberdade.

Neste panorama, dáme esperanza imaxinar unha masculinidade distinta. Unha masculinidade atravesada polo feminismo, capaz de aprender dos seus erros e de comprender que a forza non consiste en impoñerse, senón en construír con outros.
Soará ridículo. Poida que mesmo o sexa. Pero entre o cinismo e a cursilería fai tempo que elixín bando. Ama todo o que poidas. E déixate de caralladas.

Raquel Sertaje