Melchor, Gaspar e Baltasar farán parada en Ourense e nas principais vilas.

Na capital ourensá, a cabalgata mantén horario e lugar de saída – 17:30, Estación Empalme- e percorrido –avenida das Caldas, ponte Romana, rúa Progreso, Doutor Marañón e praza Maior- pero incorpora novidades. Así, as carrozas –deseñadas especifivamente para a cidade- serán autopropulsadas e permitirán a Melchor, Gaspar e Baltasar descender delas para saudar a nenos e nenas ao longo do seu itinerario.

A comitiva incluirá outras dous carrozas: unha para portar a Estrela de Oriente, que abrirá o desfile, e outra para os agasallos dos máis pequenos, que o pechará.

Outras localidades
En Verín, a cabalgata terá saída ás 18 horas da Casa do Escudo e final na rúa Irmáns Moreno, pasando pola avenida Luis Espada e a rúa Deputación para rematar no pavillón dos Deportes, onde os Reis de Oriente entregarán agasallos aos menores verineses.

En Xinzo, os Reis Magos contemplan visitas aos anciáns do Centro Sociocomunitario, do Centro de Día e da Residencia de Terceira Idade Santa Mariña. Despois, a partir das 17 horas, as Súas Maxestades darán un paseo polas rúas da vila limiá repartindo caramelos aos cativos da localidade.

En Celanova, os Magos de Oriente percorrerán a partir das 18:3 horas da residencia de maiores da vila, repartindo caramelos entre os cativos e recollendo as súas peticións. O propio día de Reis celebrarase ás 12 da mañá un belén vivinte na igrexa parroquial.

Mentres, en Allariz, Melchor, Gaspar e Baltasar teñen prevista a súa saída ás 18:30 horas da Alameda.

No Barco, os Reis Magos chegarán á estación de autobuses ás 17:30 horas, e pecorrerán as avenidas de Galicia, Conde de Fenosa e Marcelino Suárez botando caramelos ao seu paso para concluir na praza do Concello, onde serán recibidos polo alcalde momentos antes de subir ao balcón do edificio consistorial para dirixir o seu tradicional saúdo.

En Ribadavia, a cita con Melchor, Gaspar e Baltasar é a partir das 17:30 horas na explanada da concentración escolar; no Carballiño a partir das 18 horas e en Castrelo de Miño as súas Maxestades posponen a visita ao día seguinte, ás 17 horas. En Vilar de Santos, celebran o seu festival de Reis desde as 16:30 horas.