Do 9 ao 30 de xaneiro, a Sala de Exposicións de Verín acolle a mostra ‘Rodeira Monocolor’, realizada por José Luis Diz, socio fundador da Asociación Fotográfica “O Potiños”.

 

Rodeira en branco e negro, ou monocolor, é unha apreciación persoal do fotógrafo que a retratou xa que a praia de Rodeira, en Cangas do Morrazo, en realidade ten cor. “As cores de identidade de Rodeira son basicamente azul e amarelo: azul, polo mar que ten diante e parcialmente cóbrea todos os días, e amarelo, das finas areas que bisbisean ao paso das ondas que morren na súa marxe. A alteridade pona a xente que alí se concentran día a día durante o verán, cos seus tecidos multicolores, antucas publicitarias, etc. e ten que ser de novo o final da tempada de baños a que lle restitúa a Rodeira o seu colorido orixinal”, destaca o fotógrafo.

Esta mostra, presentada pola Asociación Fotográfica “O Potiños” para o Outono Fotográfico 2014, está conformada por unha vintena de fotografías (dezaseis en branco e negro, dúas en azul e dúas en amarelo) asentadas no ‘Street Photography’, que busca recuperar o vello oficio do fotógrafo de antano.

A exposición, que xa estivo no municipio de Xinzo de Limia, poderá visitarse de luns a sábado en horarios comprendidos entre as 10 e ás 14 e das 17 ás 19.30 horas.