O programa contou con máis de 1.000 participantes en 2014 e as persoas interesadas poden inscribirse na Concellería de Saúde.

 

A Concellería de Saúde do Concello de Ourense inicia esta semana as actividades incluídas no programa de Saúde Materno Infantil 2015, con diferentes propostas para as mulleres embarazas. O programa inclúe obradoiros sobre lactancia materna e cursos de Actividades acuáticas, pilates, ioga, control de estrés e ximnasia posparto. As persoas interesadas poden dirixirse á Concellería de Saúde do Concello de Ourense, na rúa Concordia, 20, entrechán, teléfono 988 510622. Están dirixidas a mulleres embarazadas a partir do terceiro mes, empadroadas en Ourense.

Este xoves, ás 18:30 horas, reanundaranse os Obradoiros de Lactancia materna, que o día 15 de cada mes acolle o Centro Municipal de Promoción da Saúde, sito na rúa Vasco da Ponte, 1. Esta actividade, a diferencia das demais, non require inscrición previa.

Tamén o xoves, ás 10.30h e as 11.15h, no Pavillón Municipal dos Remedios desenvolverase o curso de Actividades acuáticas para embarazadas.

O luns, 19 de xaneiro, no Centro Municipal de Promoción da Saúde acollerá os cursos de Pilates para embarazadas, ás 9.30h e ás 10.30h, e Ioga para embarazadas, ás 19h e ás 20h.

O martes, 20, desde as 19:00h, o mesmo espazo municipal acollerá o curso de Mindfullnes: técnicas de control de estrés no embarazo, e o mércores, 21, o de Ximnasia hipopresiva posparto para nais con bebés, desde as 11:00 horas.

Con estas actividades, a Concellería de Saúde dá continuidade a este programa, que achegou ao longo de 2014 múltiples propostas formativas para as familias ourensás, contando con máis de 1.000 participantes en total.

Dende o punto de atención á lactación materna, atendéronse consultas sobre lactancia realizadas por 100 persoas, realizáronse 65 préstamos de material de lactancia e 120 préstamos e consultas de libros da biblioteca. 200 foron as persoas que participaron nos obradoiros mensuais de lactancia e 34 participaron no VI Concurso de fotografía convocado polo Concello de Ourense sobre esta temática, que rematou coa exposición dos traballos seleccionados na rúa do Paseo.

Pola súa banda, os obradoiros de saúde materno infantil sumaron 580 participantes. Concretamente, 160 xestantes acudiron ao curso de Ioga, 180 ao de Pilates, 225 ás actividades acuáticas e 15 ao de ximnasia hipopresiva posparto para nais con bebés.