Polos novos trámites ambientais no tramo Taboadela-Seixalbo. As deputadas do BNG presentaron tamén unha pregunta parlamentaria á ministra de Fomento para demandarlle celeridade nos trámites ou que opte por outras posibilidades.

As deputadas do BNG no Congreso, Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila, solicitaron a comparecencia do Presidente de ADIF para que acuda á Cámara a aclarar se se mantén o prazo de 2018 de finalización do AVE a Galiza.

As parlamentarias piden explicacións a Fomento e información “rigurosa e obxectiva após de coñecer a publicación no BOE hai tres días dunha Resolución para que se realice a Declaración de Impacto Ambiental ampliada do tramo Taboadela-Seixalbo, o “que traducido en tempos pode supór un retraso mínimo dun ano debido aos trámites administrativos antes de adxudicar a integración da alta velocidade en Ourense”.

O informe publicado no BOE argumenta a solicitude duna Declaración ampliada debido ao posible impacto sobre o entorno e o patrimonio existente ao seu paso como é a igrexa de Santa María de Mesón de Calvos, ou dous cruceiros de grande valor na ermida de Santa Águeda. Fálase asemade de perigos xeolóxicos polas obras de excavación dos túneis. Ademáis da afectación no entorno medioambiental.

Dado o novo requirimento, as deputadas do BNG afirman que “por máis que Fomento o negue todo apunta a un incumprimento dos prazos fixados para o 2018, salvo que se imprima certa celeridade aos novos trámites ou se adopten outras solucións intermedias”. Así, as deputadas nacionalistas fan mención á posibilidade expostas por expertos consistentes na adecuación da liña convencional entre Taboadela e Ourense, mediante a súa electrificación e dotación dun terceiro carril que permita a circulación en vía de ancho europeo.

Ao mesmo tempo, “poderíanse empezar as obras da denominada Variante de Ourense, do subtramo máis cercano á cidade ourensá que non ten problemas medioambientais. Fomento podería licitar xa as obras do subtramo Seixalbo-Ourense e poder cumprir os tempos. É unha cuestión de vontade política”.

As deputadas do BNG demandan á ministra de Fomento que estude estas posibilidades que permitirían non retrasar máis o AVE a Galiza. Preguntan a Ana Pastor se a pesar desta circunstancia “é quen de garantir os horizontes temporais. “Vai o Ministerio a informar con rigor e obxectividade deste tema?”. E piden aclaracións sobre o tempo medio que se tardará en solventar o novo requerimento medioambiental.