Comité asesor de Xantar

Xantar 2015 profesionalízase e medra o número de actividades con marcada compoñente formativa orientadas a empresarios, traballadores e estudantes do sectores da hostalería, gastronomía e turismo, que supoñen dende hai varias edicións máis do 35% do total de visitantes.

Este foi o tema sobre o que xirou a reunión do comité asesor de Xantar celebrado en Expourense no que foi perfilado o programa de actividades da vindeira edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico que terá lugar no recinto feiral ourensán entre o 4 e o 8 de marzo vindeiros e que vén de ratificar por sgeundo ano consecutivo o selo de «Feria Comercial Internacional» por resolución da Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España, o que a converte nunha das cinco feiras internacionais de turismo celebradas en España e na única especializada en gastronomía.

Entre as novidades desta próxima edición de Xantar será a creación dun “Túnel do Viño”, un espazo que ten o obxectivo de potenciar o consumo do viño de calidade producido en Galicia entre os visitantes profesionais que cada ano chegan ata Expourense procedentes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, así como das comunidades limítrofes e entre os que destaca a participación de prensa especializada e blogueiros gastronómicos de toda a Península Ibérica. A principal motivación daqueles que visitan Xantar é a busca dunha experiencia gastronómica, polo tanto este escenario é idóneo para favorecer accións de sensibilización relacionadas coa produción vitivinícola da nosa área xeográfica.

Outra das novidades de Xantar será o “Premio Xantar ó Menú máis Saudable” que será elixido pola Consellería de Sanidade entre todos os menús ofrecidos pola vintena de restaurantes que participarán en Xantar.

O programa de actividades de Xantar 2015, enmarcadas no “X Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde”, incluirá tanto conferencias de expertos en nutrición como exhibicións de cociña en directo a cargo de recoñecidos chefs, ademais de catas comentadas e degustacións que nesta ocasión terán tamén como obxectivo apostar pola diferenciación dos produtos gourmet e pola innovación no eido da alimentación e da hostalaría.

Outra das actividades que terá continuidade será o Encontro Internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas que agarda repetir o éxito da última edición na que reuniu a máis de 40 entidades sendo o segundo encontro deste tipo con máis representantes a nivel mundial.