O pasado ano foron ingresados a domicilio 957 ourensáns, cun crecente volume de pacientes que reafirma a aceptación e demanda desta modalidade de ingreso.

 

Ante o crecemento continuado da súa actividade e aceptación, a Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense ampliará este ano o persoal do Servizo de Hospitalización a Domicilio cun médico e unha enfermeira máis, ademais dun vehículo máis para realizar as visitas a domicilio, factor clave nesta modalidade de asistencial alternativa ao ingreso tradicional, que ofrece os coidados especializados dun hospital na casa.

O funcionamento e sistema de traballo da Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO), redefiniuse en 2010 para promover a súa plena coordinación cos centros de saúde e o traballo dos seus profesionais cos de Atención Primaria, na procura da continuidade asistencial.

Desde entón a actividade deste servizo, formado ata agora por cinco médicos e oito enfermeiras, non deixa de crecer e conta cun dos niveis de satisfacción mais altos da rede Sergas, por parte dos seus usuarios e familias. Así, o pasado ano, 957 ourensáns foron ingresados a domicilio, un 9% máis que en 2013, no que os equipos de HADO atenderon a 878 pacientes.

A procedencia dos pacientes de HADO maioritariamente son as Urxencias, o 34%, seguidos dos servizos de Medicina Interna, 10%, Neuroloxía, 5,50%, e en menor medida de Cirurxía Vascular, Cirurxía Xeral, Nefroloxía, Oncoloxía e Neumoloxía, e fora do hospital, de Residencias Sociosanitarias.

A estanza media dos pacientes baixo a supervisión do servizo de HADO é duns 11-12 días, período moi similar ao que estes mesmos pacientes terían noutras unidades hospitalarias, nas que normalmente pasan unha media de 3 ou 4 días previos a seu ingreso a domicilio.

Hospital na casa
A Unidade de Hospitalización a Domicilio ten por obxectivo o mantemento dos coidados hospitalarios naqueles pacientes que, se ben xa poden ser dados de alta no hospital, aínda precisan duns coidados médicos e de enfermería especializados, que sirvan de ponte entre a atención especializada e a Primaria.

A principal vantaxe deste modelo de hospitalización é que permite a recuperación do paciente nun entorno coñecido, «máis saudable e favorable para a plena recuperación que o hospital, e baixo uns coidados especializados que evitan a sobrecarga de traballo ou illamento da familia ante a enfermidade do seu achegado», indican desde a Xerencia nun comunicado.

Para a súa atención médico sanitaria na casa os equipos asistenciais de HADO realizaron un total de 9.478 visitas de enfermería a domicilio e unha media de cinco visitas médicas por paciente, «sempre de xeito coordinado co seu médico e enfermeira de cabeceira, que serán os que a súa alta retomarán seu coidado».

En Ourense, poden beneficiarse deste sistema todos aqueles pacientes ingresados que precisan de medios ou longos períodos de estancia no hospital, como algúns pacientes cirúrxicos, de procesos médicos, unha vez superada a fase aguda, e crónicos de boa evolución.