O vindeiro mércores 28 de xaneiro, ás 18 horas, terá lugar na Biblioteca Pública Municipal de Verín o relatorio ‘Prantas medicinais e cultura popular’, a cargo dos escritores e etnógrafos Antonio Lourenço Fontes (Padre Fontes) e José Rodríguez Cruz.

 

Ao longo do relatorio, os escritores luso e ourensán explicarán os diferentes tipos de prantas medicinais existentes nas comarcas de Verín e Conso-Frieiras, así como na rexión lusa de Tras-Os-Montes, os seus usos e a relación coa cultura popular destas dúas aéreas raianas.

Este relatorio tamén recolle as experiencias presentadas no Congresso de Medicina Popular, que se celebra todos os anos na localidade portuguesa de Vilar de Perdizes, e que xurdiu xa fai 27 anos da man do Padre Fontes, co obxecto de recuperar as tradicións e medicina popular antiga que caeu no esquecemento coa chegada da medicina moderna.

Antonio Lourenço Fontes (Padre Fontes) naceu en Cambezes do Rio (Barroso-Portugal) no ano 1940. Ingresou no seminario dez anos máis tarde, onde se formou ata o 1962 e ao ano seguinte ordenouse sacerdote en Tourém. Nesta mesma localidade creou unha escola na que se impartiron cursos aos veciños e na que se repartiron alimentos entre os máis necesitados. Oito anos despois marchou para Vilar de Perdizes, onde ademais desta parroquia ten ao seu cargo Mexide e Soutelinho da Raia. Fundador e director, desde 1980 e durante 25 anos, do xornal “Notícias do Barroso”, colaborou con outros periódicos rexionais e nacionais; ademais de publicar libros de usos e costumes como Etnografia Transmontana.

O etnógrafo José Rodríguez Cruz naceu na veciña comarca de Conso-Frieiras, na Gudiña. Autor de varios libros como «Terras das Frieiras», que fai un percorrido pola historia e a cultura da zona limítrofe de Ourense con Portugal e Zamora, «Así falan na Gudiña» ou «Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca». Este escritor tamén conseguiu o XVI Premio de Investigación Antón Fraguas, polo seu traballo «Indumentaria e fala».