Eloína Núñez

A espera media cirúrxica nos hospitais ourensáns é de 43,7 días mentres que para unha primeira consulta é de 29,1 días.

 

A xerente da Área de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Eloína Núñez, deu a coñecer este venres os datos oficias das listas de espera durante 2014. Unhas cifras que nos hospitais ourensáns son en todos os casos inferiores á media do Sergas.

Así, a espera media cirúrxica no conxunto dos tres hospitais da provincia é de 43,7 días fronte aos 80,4 da media galega. No caso particular do CHUO, a agarda para unha operación cirúrxica é de 44,9 días, mentres que en Valdeorras operan nunha media de 33,1 días e en Verín en 42 días.

Os responsables sanitarios da provincia descartaron que existisen listas de agarda para Atención Primaria. “Revisando a día de hoy las agendas de todos los médicos de cabecera, no hay lista de espera; hoy (polo venres) darían cita para el lunes y en cinco casos para el martes”, puntualizaba a directora de Procesos Asistenciais e Ingresos de Atención Primaria, Isabel Gómez.

No caso da lista de espera para unha primeira consulta de enfermidade, no conxunto de Ourense os pacientes deberon esperar o ano pasado unha media de 29,1 días, fronte aos 51,3 do conxunto do Sergas. No CHUO a cifra concreta é de 30,6 días, sendo en Verín de 27,1 e en Valdeorras de 19 días. As cifras oscilan entre os 3,5 días de espera para cirurxía pediátrica e os 49,5 días dunha consulta de neurociruxía. “El tiempo medio de espera es menor en cualquier especialidad que la media del Sergas”, apuntaba Eloína Núñez.

As esperas para acceder a unha vía rápida son tamén máis reducidas en Ourense que no conxunto galego. Ao día seguinte para posibles casos de cancro de pulmón, vexiga, próstata, larinxe ou melanoma, 0,5 días para cancro de mama, 4,5 días para demencias, 7 días para lumbalxias, e 8,2 días despois para cancro colorrectal.

Comparativa con 2009
Eloína Núñez presentou os datos comparativos entre 2009 (cando entrou no Goberno autonómico o PP) e 2014. Así, a espera media cirúrxica no espazo sanitario ourensán baixou un 5,28% desde aquel ano, sendo a redución de apenas un 2,6% no caso do complexo hospitalario ourensán, pero de ata un 31,75% no hospital comarcal de Valdeorras.

No caso dos tempos medios de consulta, a diferencia entre 2009 e 2014 é unha redución de 12,8 días para o conxunto dos tres hospitais ourensáns e de 12 días no caso do complexo hospitalario da cidade (23 días menos en Valdeorras e 7 días menos en Verín).

Prioridade 1
Outro dato significativo nesta análise de listas de agarda son as esperas medias para operación de prioridade 1, que deben realizarse en menos de 30 días. A área de Ourense sitúase como a mellor de Galicia, cun tempo medio de espera de 10,1 días, cifra similar á particular do CHUO (10,4 días). No global do Sergas á espera ascende a 18,7 días.

A xerente atribúe estes resultados, en parte, á optimización das intervencións programadas en xornada ordinaria: en 2014 realizáronse 615 operacións programadas máis que en 2013, sendo un total de 16.568; en 2009 eran 12.700.
Tamén as operación de ciruxía menor que se realizan nos centros de saúde duplicáronse neste período 2009-2014, de 1.595 a 3.780.

Outras cifras facilitadas pola xerente da Xerencia de Atención Integrada de Ourense foron o número de consultas para receitas, que leva caendo desde 2009 un 56%; a telemedicina en Atención Primaria, que aumentou no mesmo período en 8.264 consultas; ou o uso da consulta telefónica. Desde a súa posta en marcha en decembro de 2013, téñense realizado un total de 131.235 consultas ao médico de cabeceira.

No período 2009-2014 reducíuse o uso das urxencias hospitalarias nun 15%, mentres que a utilización dos PACs (Puntos de Atención Continuada) subiu de 2013 a 2014 (o ano pasado 180.924 asistencias) pero cae se o comparamos desde que hai datos, en 2011 (daquela eran 202.693). “Es bueno que vayan al PAC en vez de a urgencias hospitalarias pero mejor es que la población vaya al médico de cabecera”, recalcaba a xerente Eloína Núñez.