Os equipos ourensáns da Primeira División do fútbol sala, Ourense Envialia e Cidade As Burgas, venceron na xornada que pechaba a primeira volta do campionato.

O Cidade xogaba na casa contra o Ordizia. As xogadoras de Manolo Codeso dominaron durante todo o encontro aínda que as visitantes chegaban con certo perigo ás inmediacións de Ana. A pesar do dominio as locais non foron quen de adiantarse no marcador en toda a primeira metade.

Na reanudación as franxiverdes estiveron máis incisivas e lograron os goles e os tres puntos. O primeiro deles foi obra de Vanessa Sotelo, de potente disparo pola escuadra. Sonia Pacios anotou o segundo tanto despois de que Candela presionara a saída de balón do equipo contrario; Sonia aproveitaríase para facer o segundo tanto. A propia Candela foi a autora do terceiro tanto; a xoven xogadora facía o gol tras pase de Vane Sotelo.
Nos últimos minutos as visitantes optaron polo xogo de cinco. Un erro no pase aproveitouno Peke, quen desde o seu propio campo facía o 4-0 a porta baleira.
Este resultado permite ás franxiverdes manterse na segunda posición con 39 puntos, a dous do líder, Futsi.

Ourense Envialia
As pupilas de Óscar Vivián desprazábanse ata Bilbao para enfrontarse ao pechacancelas Tecuni. As ourensás tiveron que exprimirse para sacar adiante os tres puntos nun encontro en que as rivais non deron ningunha facilidade, a pesar de ocupar a última posición na táboa. O Bilbo adiantouse con dous tantos nos oito primeiros minutos. Bea Seijas lograba recurtar distancias a falta de catro segundos para o descanso.

Na segunda metade Ana lograba o empate a dous tras roubo de balón, e a remontada era posible grazas a un penalti transformado por Sara Moreno. Pero o Bilbo non había dito a súa última palabra e lograba porse por diante cos goles de Vicky e María Isabel (4-3). A propia María Isabel sería a protagonista no seguinte minuto cando introducía na súa propia porta o balón (4-4). A remontada ourensá era real a dous minutos para o final, cando Ana lograba o 4 a 5 definitivo.
O Ourense mantén a sétima posición con 26 puntos, a seis da cuarta posición.

Vindeira xornada
Esta fin de semana terá lugar a primeira xornada da segunda volta. O Cidade repite como local o sábado -17.00h- fronte o Orvina, mentres que o Ourense Envialia visita a cancha do Rioja.