Infografía centro saúde Couto

Converterase no sexto centro de saúde da cidade e permitirá achegar a asistencia básica a unha das áreas da cidade con maior crecemento poboacional.

O vindeiro mes de febreiro iníciase a construción do centro de saúde do Couto, obras que o Servizo Galego de Saúde vén de adxudicar á UTE “Vías Petrolam” por un orzamento de 3.278.067 euros, cofinanciado ao 80% polo programa operativo Feder 2007-2013.

O novo centro de saúde virá a dar resposta a unha demanda histórica de ampliar os dispositivos asistenciais de atención primaria na cidade, que na actualidade conta con cinco centro de saúde que se reparten a asistencia básica: Valle Inclán, Novoa Santos, A Ponte, A Cuña e A Carballeira. A posta en marcha deste sexto centro permitirá redistribuír a asistencia básica, gañando espazo para novos servizos no Novoa Santos, referencia na actualidade para esta área que conta con ao redor de 18.500 usuarios, que está previsto se adscriban ao novo centro do Couto, igualmente céntrico a mais próximo ao seu domicilio.

Para proceder ao inicio desta necesaria infraestrutura sanitaria, o Servizo Galego de Saúde debeu agardar á recepción da licenza de obras por parte do Concello de Ourense, que se produciu a finais de novembro, único trámite administrativo pendente para proceder á estas obras, que permitirán modernizar e mellorar a sectorización asistencial da rede de atención primaria na cidade de Ourense.

Moderno deseño arquitectónico
A proxecto arquitectónico, adxudicado a Manuel Vázquez Muíño, adáptase á parcela cedida, situada próxima á nova sede xudicial, e dispón dunha superficie de máis de 4.600 metros cadrados, cunha superficie dispoñible de 1.500 m2. O terreo conta cunha lixeira pendente leste-oeste, cun desnivel de dous metros, nos puntos extremos que dan á rúa Velázquez. É precisamente dende a parte máis alta desta rúa desde onde está previsto o acceso principal ao centro, permitindo así a creación dun andar semisoto, posibilitando a entrada de luz natural.

Segundo este mesmo proxecto, o edificio, de tres plantas, situado entre a Rúa Velazquez e a Rúa Castro Canseco, terá forma de U, o que posibilitará dispoñer as diferentes pezas da estrutura ao redor dun patio, facilitando a iluminación e ventilación natural de todo o edificio.

Horario continuado de mañá e tarde e Fisioterapia
A posta en marcha deste sexto centro de saúde, permitirá crear un cuarto Servizo de Fisioterapia en Ourense, o que virá a complementar a cobertura poboacional da cidade, que xa conta con tres servizos de fisioterapia primaria nos centros de Saúde da Ponte, Valle Inclán e A Carballeira.

O novo centro dará servizo continuado de mañá e tarde e xunto a Medicina Familiar e Comunitaria e Enfermería, contará con especialidades, como Pediatría, Área da Muller con matrona e sala de preparación e post parto; Servizos Farmaceúticos, Traballo Social, Odontoloxía e Hixiene Dental e área de admisión.

Este amplo cadro de persoal permitirá ofertar unha carteira de servizos avanzada que inclúe o Programa da Muller, Cirurxía Menor, de Saúde Bucodental, de Atención ao Neno San, de Polimedicados, Atención a Domicilio e de Paliativos, Seguimento dos Tratamentos de Anticoagulación Oral (TAO), da EPOC (Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica), Telemedina, Acceso a Vías Rápidas, Vacinacións, etc.