Como novidade, este ano, esta iniciativa cultural abre o abano a outras disciplinas artísticas como a maxia, o teatro ou a danza.

O Concello de Allariz busca artistas para participar na programación da Semana Santa ao Vivo que se celebrará do 2 ao 5 de abril.

A Semana Santa ao Vivo é unha proposta cultural de ocio nacida no ano 2000, motivada pola grande cantidade de turistas presentes durante estas datas na vila alaricana.

Como cada ano, o departamento de Promoción Económica do Concello de Allariz continúa traballando para organizar a programación da Semana Santa ao Vivo, unha alternativa diferente que, conxuga música, tradición e cultura para que todo aquel que visite a vila nesas datas se quede coa esencia do que é Allariz.

Este proxecto cultural abarca sobre todo música de rúa, nos seus variados estilos folk, jazz, worldmusic, étnico, blues, etc. Sen embargo, este ano, como novidade, ofrécese a posibilidade de que se presenten persoas ou grupos que se adiquen a outras disciplinas artísticas (maxía, teatro, baile…) que amenicen, así, o paseo dos transeúntes en diversos espazos do Casco Histórico.

Os artistas interesados en participar na programación deben contactar coa Área de Promoción Económica. Entre todas as solicitudes recibidas realizarase a selección dos artístas que ocuparán as rúas alaricanas.

Os interesados deben contactar, antes do 1 de marzo, co departamento de Promoción Económica de Allariz no correo electrónico dinamizacioneconomica@allariz.com ou no 988 44 22 10.