Ten como obxectivo regular as normas de xestión, inspección e recadación dos tributos municipais delegados polas entidades locais da provincia de Ourense.

 

O pleno de xaneiro da Deputación de Ourense celebrado este día 30 adoptou, entre outros acordos, a aprobación da ordenanza fiscal de recadación, que ten como obxectivo regular as normas de xestión, inspección e recadación dos tributos propios da Deputación e dos seus organismos dependentes así como dos tributos municipais delegados polas entidades locais da provincia de Ourense.

Os aspectos xerais da ordenanza sinalan que a tramitación de expedientes estará guiada por criterios de racionalidade e eficacia, procurando a simplificación dos trámites que deban realizar os contribuíntes, e facilitando o acceso destes á información administrativa que por lei lles corresponda. Asemade, impulsarase a aplicación de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos para a tramitación de expedientes administrativos, co fin de mellorar a eficiencia das comunicacións cos concellos, outras administracións públicas e os colaboradores sociais cos cales se subscriba o pertinente convenio e cos contribuíntes.

A ordenanza contén artigos referidos ao acceso dos arquivos e documentos; o dereito á obtención de copia dos documentos que obren no expediente; información e asistencia aos contribuíntes, e sobre as normas de xestión, tributos, beneficios fiscais, prescrición e compensación e temas de inspección tributaria, entre outros.

Outros acordos

Nesta sesión plenaria tamén se aprobou de xeito definitivo o Plan de Ordenación de Recursos Humáns 2015 da Deputación; o Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación e o Inorde para este ano; o expediente de modificación orzamentaria da Deputación por suplemento de crédito (en 1.250.158,21 euros) e de crédito extraordinario (en 1.354.582,11 euros), e o do Inorde (en 99.000 euros); e a expropiación forzosa na Pobra de Trives para a execución da obra de mellora da estrada OU-0703 entre Trives e Chandrexa de Queixa.